Isca!

Combater, voceiro nacional de Isca!

Combater nº 11

Xa está dispoñíbel o novo número do noso voceiro nacional que cada ano levamos ás rúas para achegar reflexións sobre problemáticas que afectan ás mozas galegas.
Desta volta quixemos falar sobre a necesidade de nos organizar para facer fronte aos ataques do capital; sobre os ventres de alugueiro, unha nova forma de violencia que atenta especialmente contra as mozas de clase traballadora; sobre os logros que a Revolución de Outubro conseguiu para a mocidade rusa e de todo o goblo: a nosa homenaxe aos cen anos que se cumpren deste episodio; tamén sobre a deriva pormoderna do activismo LGBTI fronte á praxe crítica que defendemos; quixemos entrevistar ás compañeiras das Assemblees de joves per la Unitat Popular sobre o referendo que se celebrará o 1 de outubro en Catalunya; e por último pór o foco sobre o perigo de confiar o mantemento dos nosos montes ao eucalipto. Tamén poderedes atopar unha escolma de textos para iniciarse no marxismo, os festivais nos que teremos material á venda, os locais que colaboraron para nós editar este voceiro e algunhas imaxes das actividades que realizamos neste ano.

Esperemos que desfrutedes da lectura!

Combater nº10, voceiro nacional de Isca!

portadaCoincidindo coas conmemoracións do Día da Patria, sae de novo á rúa o noso voceiro nacional, “Combater”, que fai xa o seu 10º número. Desta volta unha edición un pouco especial, xa que con el celebramos o noso 10º aniversario e aproveitamos para repasar todas as claves do noso nacemento e os cambios que se foron implementando na esquerda soberanista e independentista galega ao longo de todo este período.

A seguir reproducimos a editorial deste número:

“Se non existe organización, as ideas, despois dun primeiro impulso, van perdendo eficacia”. Esta frase do Che Guevara resume á perfección a necesidade das organizacións revolucionarias, cuxo propósito non é outro que a transformación radical e total do sistema social a partir dunha acción consciente; porque do mesmo xeito que son inútiles as organizacións sen ideas non funcionan tampouco as ideas que non teñen organización.

Isca! nace hai 10 anos nun contexto ben diferente, no organizativo e no social, co obxectivo de consolidar un espazo xuvenil independentista e revolucionario no seo dun nacionalismo en plena desnaturalización, onde o BNG avanzaba con paso firme no camiño da súa equiparación ás demais forzas políticas do sistema. E 10 anos despois podemos afirmar que ese espazo político é unha realidade, modesta mais innegábel, desde a que defendemos unha alternativa clara, contundente e de ruptura coa folla de ruta do capitalismo que nos foi imposta. Desde a que defendemos a independencia como a vía de saída para a construción dunha altenativa sistémica diferente, enfrontada aos monopolios e ao imperialismo.

10 anos loitando e organizando. Seguimos!

> Descarga aquí o Combater nº7

Combater nº9, voceiro nacional de Isca!

combater9Neste Día da Patria de 2015 sairá ao prelo o número 9 do Combater, o noso voceiro nacional, mantendo deseño e extensión dos últimos anos. Nel tratamos diversos temas de interese desde a organización popular contra as touradas na Galiza até a vixencia do transfeminismo, pasando pola militancia e as redes sociais ou a realidade da loita contra ENCE na ría de Pontevedra. A capa e o editorial céntranse na campaña de Isca! sobre a necesidade da saída dunha Unión Europea irreformable e a ruptura co réxime español para construír unha República de noso, ceibe e sen explotación.

Velaí o editorial:

Galiza é unha nación dependente e empobrecida no económico, no político e no cultural, sen soberanía nin poder de decisión e sometida a políticas españolizadoras, negadoras e centralistas que teñen como fin a nosa completa destrución como pobo e que abranguen todo o que nos rodea. A Unión Europea é un proxecto ao servizo do grande capital transnacional para unha maior explotación da clase traballadora, as privatizacións masivas, a erosión das nosas conquistas, as reformas radicais da lexislación laboral e a potenciación do mercado. Unha estrutura nitidamente antidemocrática por definición, desde todo punto de vista irreformable.

Estamos inmersas nun proceso gravísimo de desmantelamento do país, cada día máis subordinado. É preciso, pois, facerlle fronte aos proxectos do gran capital que son contrarios aos intereses dos pobos e das clases populares, que espolia o noso aforro, que arruína a nosa industria, que empobrece a nosa clase traballadora e que nos nega un futuro digno e na terra. Defender unha alternativa clara, contundente e rupturista coas políticas que padecemos é vital para rachar coa folla de ruta do capitalismo neoliberal que nos foi imposta.

Entendemos a soberanía e a independencia como esa vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistémica diferente, deixando atrás opresións de todo tipo, onde os dereitos sociais estean garantidos. Unha república plenamente soberana que enfronte os monopolios e que rache coas estruturas imperialistas das que fai hoxe parte o Estado español.

.

Descarga o Combater aquí.

.

Combater nº8, voceiro nacional de Isca!

Neste Día da Patria de 2014 saiu ao prelo o número 8 do Combater, o noso voceiro nacional, mantendo o deseño e a extensión dos últimos anos e onde analizamos temas diversos e de interese para a mocidade galega desde a situación aberta no Estado após a coroación do novo Rei de España Felipe VI e de como é preciso construír colectivamente unha República Galega até a situación que se vive nestes momentos na Ucraína, onde a extrema dereita tomou, coa axuda da OTAN e a UE, o poder, pasando polo proceso soberanista catalán, o auxe do futbol gaélico como deporte de base, o activismo feminista ou as agresións ao medio natural.

Velaí o editorial:

Tempo de ofensiva contra os nosos dereitos e contra as nosas vidas, mais tamén tempo de resistencia, tempo onde organizarse e loitar se converte nunha prioridade para quen aspiramos a un mundo diferente. Aquí e agora con máis razóns, pois pensamos que debemos aproveitar a debilidade do réxime para golpealo con máis forza. Facéndoo onde máis lle doe, na súa sacrosanta unidade que é o piar fundamental sobre o que se sostén a súa estrutura de dominación. Cómpre erguer a alternativa independentista como vía máis eficaz para saírmos deste sistema e cambiar de raíz as nosas condicións de Vida. Independencia para transformalo todo, para crear unha República Galega sen capitalismo nin patriarcado.

Seguir reforzado a unidade de quen apostamos por unha Galiza libre construída desde a esquerda é xa non só necesario, senón urxente. Este novo número do noso voceiro nacional tenta achegar algunhas claves para analizar a nosa realidade e contribuír a tecer un futuro distinto.

Le e difunde!


>> Podes consultar on-line o Combater

>> Podes descargar o Combater

Combater nº7, voceiro nacional de Isca!

Coincidindo coas conmemoracións do Día da Patria, sae de novo á rúa o noso voceiro nacional, “Combater”, que fai xa o seu 7º número. Nel pódese atopar información sobre a nosa campaña nacional “Futuro digno para a mocidade galega!”, artigos sobre o valor da unidade da mocidade da esquerda patriótica, sobre crise e medio ambiente ou sobre os micromachismos, así como unha crónica da nosa Asemblea Nacional ou unha entrevista con Ernai, a nova organización xuvenil da esquerda aberzale. Como sempre, recóllese tamén unha escolma gráfica do noso traballo durante os últimos meses.

A seguir reproducimos a editorial deste número:

Non se trata só de recompilar dados e ilustrar a nefasta situación á que este sistema nos condena á mocidade galega. Máis importante ainda que iso é denunciar as verdadeiras responsabilidades e as vías de saída que temos para construir un futuro e unha vida digna que só pode ser tal rompendo con España, nunha Galiza sen capitalismo e sen patriarcado. Por iso a xuventude rebelde queremos seguir a erguer a voz contra toda opresión. Formación, organización e loita como ferramentas para sermos cada vez máis as que construamos alternativas nas rúas, nos centros de traballo e de ensino. Este voceiro ve a luz co fin de contribuír a ese labor urxente de erguer un futuro de soberanía, independencia, igualdade e xustiza social.

O camiño da unidade é o que nos pode facer avanzar de xeito máis firme e directo cara a ese horizonte. Consolidalo e avanzar nel é o deber de todas as que acreditamos na posibilidade da vitoria, máis cedo que tarde.

Le e difunde!

Podes descargar ou acceder a estes e outros contidos nas seguintes ligazóns:

>Consulta aquí o Combater nº7

>Descarga aquí o Combater nº7


Combater nº6, voceiro nacional de Isca

Como cada Día da Patria, viu a luz un novo número do voceiro nacional da nosa organización, o “Combater”. Neste número, xa o sexto, poderás atopar información sobre a nosa actividade, así como diferentes artigos que analizan cuestións como o actual panorama do nacionalismo galego, a situación en Venezuela, o movemento estudantil e o papel da Liga Estudantil Galega, os retrocesos nos dereitos das mulleres, ou os ataques ao noso medio natural. Ademais, recollemos unha entrevista con unha moza sindicalista, Raquel Vázquez, delegada da CIG nunha empresa de telemarketing.

Le e difunde!

>Consulta aquí o Combater nº6

>Descarga aquí o Combater nº6


 

Combater nº5, voceiro nacional de Isca

No Dia da Patria verá a luz de novo o noso voceiro nacional, “Combater”, que fai xa o seu quinto número. Esta publicación pretende ser unha modesta contribución á análise e ao debate sobre certas cuestions de actualidade nacional e internacional, así como unha ferramenta para difundir o noso proxecto e actividades. Algúns dos temas que abordamos son: a necesidade de organizarse para resistir os ataques de capital, a Lei da Familia, o nacemento da Liga Estudantil Galega, a situación da prensa en galego, o ataque imperialista contra Libia, o fenómeno do 15-M, a crise grega, así mesmo publicamos imaxes da nosa actividade durante os últimos meses.

Le e difunde!

> Consulta o Combater nº5 <

 > Descarga o Combater nº5 en pdf <

Combater nº4, voceiro nacional de Isca

No Dia da Patria saiu de novo á rúa o noso voceiro nacional, “Combater”, desta volta con máis contidos e un formato mellorado, pois con el queremos acompañar tamén o medre e consolidación do noso proxecto, constatado na nosa pasada Asemblea Nacional. Nesta publicación analizamos diversos temas de actualidade e de interese para a mocidade revolucionaria galega: a necesidade de organizarmos unha resposta á ofensiva do capital, a situación do movemento estudantil, as conclusións tras a sentenza do estatut e a necesidade de avanzar na vía independentista, o mundial de fútbol e as súas consecuencias… entre outros diversos asuntos. Ademais, entrevistamos a un membro do Local Social Aturuxo de Boiro, comezando unha serie de conversas con diferentes proxectos de autoorganización xuvenil por todo o país, que continuará en números posteriores. Por último, tamén divulgamos algunhas das nosas iniciativas, actividades e campañas recentes.

Agardamos que gustes da leitura e que difundas estas ideas.

> Consulta o Combater nº4 <

> Descarga o Combater nº4 en pdf <

 

Combater nº3, Voceiro nacional de Isca!

No Día da Patria sai a luz o terceiro número do noso voceiro nacional, Combater. Nel, ademais dunha editorial analisando o actual contexto político, poderás atopar unha reflexión sobre o papel do soberanismo no 25º aniversario da infame traída dos restos de Castelao á Galiza. A contracapa recolle un posicionamento sobre a situación da nosa lingua frente aos ataques españolistas e a resposta que debe dar a mocidade organizada.

>Consulta o Combater nº3<

Descarga aquí o Combater nº3 en pdf

Combater nº2: publicamos na rede o noso voceiro nacional

O Combater nº2, novo número do voceiro nacional de isca!,  chega renovado en deseño e formato, con oito páxinas de artigos de análise política e reflexións encol dalgúns dos temas que nos últimos meses xa se teñen tratado na nosa páxina web.  Enumeramos a continuación o índice de conteúdos desta nova entrega do voceiro nacional:

Editorial: “A falaz soidade do corredor de fondo” , onde se propón unha radical mudanza do comportamento social previo a un cambio do sistema.

“2012, moito mais que un tren” , artigo no cal se critica a construción dun tren de alta velocidade (T.A.V) no noso país e se enumeran as consecuencias negativas da súa implantación.

“Movimento xuvenil, rupturismo ou institucionalización”, onde repasamos a historia recente das organizacións xuvenís do nacionalismo galego e analisamos a deriva no plano ideolóxico e organizativo de Galiza Nova co resultado dramático da perda dos seus sinais básicos de identidade.

“A bolsa ou a vida, reflexións encol da crise financeira”, no cal se sostén que a crise actual é produto da voracidade do sistema capitalista e se alerta da entrada dun novo período onde as contradicións de clase se exacerban e a única saída é a loita a prol dos dereitos básicos da clase traballadora.

“A nova retórica dos direitos no españolismo” analisa o entramado ideolóxico do binomio español-capitalista e retórica paralela que impón para tratar aspectos económicos e culturais, coa negación constante da existencia de dereitos colectivos e a construción dun “liberalismo lingüistico”.

“Plano de Bolonha, o capital arriba à Universidade”, un resumo da involución e crise do modelo universitario público, acosado por gobernos europeus e multinacionais co obxecto da privatización parcial e entrada maciza de capital privado na xestión.

“Reconstruir o movemento feminista, redefinir a participación”, artigo que propón a reformulación da loita feminista nun modelo non excluinte que contemple a participación en pe de igualdade de homes e mulleres para conseguir que a loita da muller sexa a de toda a sociedade.

Podes consultar aquí en-liña o Combater 2.

Podes descargar aquí o Combater 2.

 A continuar, reproducimos o artigo editorial que ocupa a portada do Combater nº2:

corredor.pngA FALAZ SOIDADE DO CORREDOR DE FONDO //

Colin Smith corre velozmente, seguido de perto por outros corredores. Vai de primeiro na carreira, e por uns intres logra esquecer a privación de liberdade en que vive. Resopra. Mira cara atrás. Ainda están lonxe. As árbores ocultan un sol que reloce entre as follas. No entanto, o director do correcional confia na vitoria do mozo, que lle reportará prestixio e prebendas persoais.

Obrigados a competir entre iguais, esvaramos e enterramos os pes na lama, mais aínda así seguimos a correr cara adiante. Xa case non somos quen de mirar cara atrás, por medo a enfrontar o pasado. Corremos por un vieiro perfectamente delimitado, deseñado por outros, e cun final marcado previamente. Aspiramos a acadar a meta antes que ninguén para un día poder trazar a meta dos demais, marcar o camiño de outros.

É a espiral da explotación, que nos obriga a ser cómplices do sistema, punindo a quen saia do vieiro marcado. Sermos explotados coa esperanza de sermos algún día explotadores. Mentres tanto, o director do correcional será quen saque partido do noso talento, das nosas capacidades, das nosas ilusións. Privándonos de liberdade, reprendéndonos, enfrontándonos con iguais. Porque sen a sumisión non existen os direitos neste correccional globalizado, o noso Guantánamo particular de todos os días.

É posíbel sair do camiño marcado? Acaso os corredores de fondo non deberían marcar a súa propria meta? Non deberían cooperar, trazar un plano de evasión, desafiar aos represores? É claro que alguén sairía do vieiro para coller un atallo á meta, traizoando aos compañeiros. É unha posibilidade. Mais aínda así, non merece a pena seguir un camiño proprio, elixido conscientemente? Ou é que até nos privaran da consciencia?

O servizo de orde vixíanos todo o percorrido, tentando que todo ocorra seguindo as previsións. Recórdannos que só competindo lograremos o favor individual do director. Só así teremos dereito a chegar a meta, a unha ducha, a un xantar quente. Perdemos a consciencia. Sopramos. Xa vamos de primeiros na carreira. Por fin os nosos soños faranse realidade e rematará o noso sofrimento. A meta está á vista. Chegamos con vantaxe. O director albíscanos e alégrase. Ducias de persoas situadas tras da liña da meta aplauden sen parar. Entón miramos cara atrás. O tempo para. Sopramos de novo.

Colin Smith detense xusto antes de cruzar a meta, ante a incredulidade da xente e a irritación do director. Por primeira vez fora quen de decidir o seu proprio destino. Desafiara a propria meta que lle marcaran, o obxectivo que se supuña que tiña que cumprir. E agora que? Que sucedería?
Temos direito a fabricar os nosos proprios soños, a decidir o noso destino colectivo, a desviarnos do vieiro marcado. Temos de ser quen, como Colin, de irritar o director, de desafiar o sistema. Temos de confiar nas nosas posibilidades , na nosa capacidade para mirar atrás e aprender do pasado. No noso direito a intervir no futuro, de non ceder ante a chantaxe da espiral da explotación. Temos a obriga de nos negar a ser explotados, así como da posibilidade que nos brindan de nos converter en explotadores.

O vieiro non é doado, está cheo de lama e transcorre por paraxes descoñecidas. Será mais doado, sen dúbida, se recoñecemos que colectivamente podemos lograr a meta que buscamos. Sen explotación, sen directores, sen público que nos aplauda e sen recompensas falaces. Sen represión.

E nesta outra carreira, desta vez decidida por nós, non só decidiremos a velocidade á que ir, se facemos pausas, se non, ou mesmo se nos queremos deter durante o camiño.

Chegará o ponto no que poidamos reflexionar sobre o proprio sentido da carreira. Mais desta vez seremos nós próprios os que decidamos, sen a presión de ninguén, sen condicionantes. Sen explotación. Sen imposicións.

É preciso por fin á servidume liberal que nos escraviza e pre-determina a nosa vida. Só cunha previa saída da escravatura, da posta en cuestión do modelo económico e da súa transposición institucional poderemos albiscar novos horizontes.

E o noso camiño cara a emancipación individual vai parello indisolubelmente ao da nosa emancipación colectiva. A auto-determinación é a ferramenta indispensábel que une o noso futuro colectivo coas novas metas individuais.

O noso destino vamos decidilo nós. Rescataremos de novo o berro de “Galiza Ceibe – Poder Popular” de quen pretende secuestralo e reducilo a unha palabra de orde baleira de conteúdo. E farémolo para a construción dunha Galiza liberada, ao servizo das clases populares e do seu dereito a decidir, da ruptura con quen nos rouba a liberdade. Porque só de xeito colectivo seremos quen de por fin á servidume liberal e de relacionármonos en pe de igualdade cos demais pobos que habitan o planeta. De Galiza, vamos contribuir a tecer novos camiños de liberdade.

É neste ponto onde terás que decidir se queres parar antes da meta como Colin , pensando por ti mesma, ou se aceptas o camiño que outras marcan por ti. A ficción consiste en facerche crer que corres soa, sen compañeiras e compañeiros que che poidan axudar. Libérate do engano: somos muitas as que facemos esta carreira xuntas e que temos pensado parar antes da meta.

A soidade que impón o capitalismo é unha mentira colosal. Derrubar este sistema para construir un outro mais xusto é acadar a liberdade.

Referencia do filme: “A soidade do corredor de fondo”
“The Loneliness of the Long Distance Runner” Tony Richardson, 1962