[Combater nº9] Mocidade, militancia e Internet

likePunhoArtigo publicado no Combater nº9, o noso voceiro nacional.

A crecente e progresiva democratización de Internet nos últimos anos na nosa contorna axudou á creación de comunidades entre persoas da esquerda, a grandes foros de debate político, á fundación de medios de comunicación alternativos, ao acceso a grandes cantidades de información teórica sobre as experiencias revolucionarias do mundo e, en definitiva, a saír en moitos casos dunha realidade da que non gostamos e atoparnos con gran cantidade de xente coa que partillamos obxectivos políticos tácticos e estratéxicos.

As redes foron crecendo de xeito exponencial e fortalecéndose co tempo. Primeiro chegou o éxito do Facebook e posteriormente do Twitter, entre outras. Isto levounos en moitos casos ao outro extremo, a creación de bollas sociais xunto aos nosos semellantes, a construír unha realidade paralela onde somos máis e temos moitos seguidores ou fans, non chegando a entender como non hai unha transformación social en marcha ou que as opcións políticas revolucionarias teñen tan exiguo peso social ou electoral.

Precisamente foi co chamado movemento 15-M cando tivo un especial auxe o plantexamento de facer a política desde a rede. Logo dun primeiro momento de efervescencia creáronse asembleas e foros de debate virtuais, que substituíron aos debates nas prazas, onde nomeadamente a mocidade –porque non se pode negar unha limitación de idade e tempo para a utilización de todos estes instrumentos- participaba de xeito entusiasta crendo que se podería decidir o rumbo dos acontecementos desde un ordenador. Desa herdanza naceu un novo xeito de participación en organizacións políticas partidarias que abandona todo concepto de militancia para reducir a actividade a un rexistro nun foro e unha votación por internet.

A pregunta que nos debemos facer é, até que punto alonxa isto a acción política cando a atención está centrada no virtual e non nos problemas diarios e reais? Internet é un fabuloso medio de comunicación onde podemos participar, facer convocatorias, grandes artigos de opinión ou extraordinarios e enxeniosos twits mais a transcendencia social delimítase, na maior parte dos casos, a un reducidísimo círculo ideolóxico moi minoritario. É o aillamento da vida real, a percepción de que somos maioría. Cantas das nosas veciñas, das nosas amizades, das compañeiras de traballo ou estudo coñecen a nosa actividade en internet? Collamos eses sesudos debates dos foros, imprimámolos e preguntemos ás dez primeiras persoas que vexamos pola rúa. Cantos saben da súa existencia? A sensación de que somos máis e as nosas opinións políticas están amplamente socializadas dase grazas a unha contínua retroalimentación delas, até o punto chegar a confundir a opinión que existe na rúa.

É moito máis sinxelo soltar un gran discurso e conseguir moitos “gústames” ou “retwitts” que repartir voandeiras na porta dun instituto ou un centro de traballo. É moito máis cómodo rexistrarse e votar desde unha aplicación móbil que asistir a un piquete ou organizar unha asemblea. Pero son os segundos o traballo militante que máis debemos valorar e promover. Existe unha perigosa consecuencia desta concepción “2.0” da política e é o alonxamento da mocidade da organización real. Iso é o que lle interesa ao capital.

Debemos usar internet para propagar as nosas ideas, si, debemos participar alí onde haxa espazo para trasladar o noso discurso, ser peixes na auga, mais sendo conscientes de que se pretendemos unha mudanza profunda e real da sociedade as formas de loita deben ser as que manen logo da análise de como se pode chegar a unha organización popular suficientemente forte para tomar o poder. Non sempre as tecnoloxías máis avanzadas son útiles no cambio social.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario