Charla de Rosa Díez en Pontevedra: o público acolle con entusiasmo panfletos de UPyD con textos de J.A. Primo de Rivera

 

A oposición ao supremacismo linguístico español pode adoptar formas diversas, e para anular o discurso de falsos “bilingües” e demais sectores da extrema dereita existen métodos eficaces que rematan por desenmascar a matriz ideolóxica que nutre o españolismo. Debido ao seu interese, reproducimos na íntegra un correo anónimo enviado á nosa organización, no cal se recolle unha acción enmarcada nos métodos da “guerrilla da comunicación” e sobre o cal facemos unha serie de apreciacións. De Isca! parabenizamos este tipo de activismo e animamos á mocidade galega a seguir combatendo o discurso galegófobo con firmeza, rebeldía, e desde logo, con imaxinación.

Moitas veces dubidamos sobre a nosa capacidade para combater as actitudes profundamente galegófobas de certos colectivos. Ante o anuncio dun acto público sempre nos asalta a dúbida da conveniencia ou non da infiltración, do boicote, de como visibilizar a nosa oposición a quen pretende o sometemento lingüístico ou mantén discursos fascistas.

Sabemos que o sistema, as forzas represivas, o poder económico e os meios de comunicación están con eles. Sabemos que en numerosos ocasións compañeirxs son identificadxs e multadxs inxustamente, mais aínda así seguimos na nosa loita. Denunciar a mentira, sinalar publicamente aqueles que pretenden a anulación da nosa identidade non é unha opción: é unha necesidade.

Mais de que forma podemos combater o seu discurso? Como podemos chegar a por en cuestión ou mesmo ridiculizar os seus argumentos sen ser doadamente criminalizábeis polos meios de desinformación que controlan? A Guerrilla da Comunicación propón xeitos diferentes de actuar, operando sobre os códigos linguísticos, intervindo no plano do símbólico, co obxectivo de atacar certos discursos do sistema. Existen diferentes métodos, como o distanciamento, a camuflaxe, o fake ou a sobre-identificación para conquerir o exito na nosa denuncia. Botándolle imaxinación e planificando ben as accións podemos chegar a ser moito mais eficaces que entrando “pola brava” a rebentar un acto.

Eis o envío:

“Onte á tarde entereime dunha charla que ía ter lugar no Liceo Casino de Pontevedra, ponto de reunión da alta burguesía local da cidade. Rosa Díez, candidata por un partido español de extrema dereita, UPyD (Unión, Progreso y Democracia) participaría nun coloquio baixo o tema “El Bilingüismo a debate”. Con ese título e emprazamento comezamos a maquinar a nosa acción-denuncia.

Logo de repasar entrevistas e artigos a R.D. e de ler uns cantos artigos da web de UPyD chégase á conclusión de que mantén un discurso extemporáneo e exaltado no plano territorial, que, salvando as distancias no tempo e as mudanzas na expresión, mantén unha continuidade lóxica con pontos básicos do ideário da extrema dereita fascista de hai mais de 70 anos. O pensamento da candidata de UPyD no tocante á “Unidade de España” ou ao concepto de patriotismo, de “revolución”, así como nas súas ideas supremacistas a respeito do idioma español, confiren a R.D. unha entidade propria que a fai candidata ideal para a nosa acción.

– Postúlanse como un partido “revolucionario”.
– Empraza o seu partido no limbo apartidário “nen na esquerda nen na dereita, nen no centro”.
– Denuncia radical do separatismo “anti-español”.
– Negación da loita de clases.
– Espíritu de misión transcendental (cruzada).
– Defensa a ultranza da língua española e dos “símbolos constitucionais”.
– Préstamos do discurso da esquerda (revolución, liberdade, igualdade).
– Defensa dun certo sentido da laicidade, da separación Igrexa-Estado.
– Radicalismo na linguaxe, propotencia, ameazas.

Estes oito trazos artellan un paralelismo no básico con algúns dos “pontos básicos” da Falange Española no 1933, así como dos “27 Puntos de Falange” do 1934, así que avanzando na idea inicial, que busca denunciar que UPyD está a defender algunhas das vindicacións fundamentais do falanxismo (ainda que non se recoñezan nesa tradición) decidimos optar por unha acción de sobre-identificación, operando directamente sobre os códigos proprios, mais levándoos ao estremo.

Así pois, deseñamos un panfleto tamaño A5 co logotipo de UPyD ben visíbel, así como o seu enderezo web, dándolle un deseño minimamente vistoso. A respeito do texto, logo de ler ben os pontos fundacionais da Falange, decidimos colar unha das pasaxes fundamentais escritas por J.A Primo de Rivera a respeito do “separatismo”. Nela fálase da famosa “unidad de destino en lo universal”, conceito metafísico que pretende argumentar acientificamente a existencia da “nación española” indivisíbel.

Material adxunto 1) 

 

Facemos 150 copias e decidimos acudir á charla, tentando que o noso aspecto sexa congruente co que nos vamos atopar no “Liceo Casino” e non levantar sospeitas. Chegamos ao edificio, diante do cal hai presenza policial, mais entramos sen problemas. Imos ao salón de actos, que xa está repleto de persoas minutos antes de comezar (predominan “señoronas” e xente con aspecto de alto nivel adquisitivo, vamos, toda a alta burguesía local).

 

Comezamos polas primeiras filas, non sen nervios, e comezamos a ver certa receptividade nos asistentes. Imos fileira a fileira sen problemas, mentres da comezo o acto. Pesia isto, seguimos repartindo os panfletos, persoa a persoa. Moitas “señoronas” asinten cun sorriso. Rematamos o patio de butacas , con algunha xente que nos pide acenando coa man que lle deamos o panfleto. Pasan os minutos, moita xente está a ler o texto, outra xa rematou pero permaneceu impasíbel.

Os medos dunha pronta identificación desaparecen e fan pensar no triunfo da acción logo duns 80 panfletos repartidos. Entón achégase unha rapaza cunha camisola da organización, que nos pergunta de onde traemos o material e quen nolo mandou repartir. Improvisamos: vimos desde Vigo e a organización deunos vía email a posibilidade de imprimir e repartir no acto. Incríbelmente, a resposta convence á interlocutora.

Agora imos polos laterais. Xa case pasan dez minutos do comezo da charla. Máis xente a pedir o panfleto, unha señora comenta que está de acordo co conteúdo. A maior parte das miradas son de asentimento ao lelo, excepto dun home que non quere “propaganda política”. Unha mirada ao patio de butacas fainos ver un aforo onde case todos teñen o seu panfleto na man, e parece que a maioría xa o leran, logo do cal están xa a atender as palabras de Rosa Díez.

Seguimos repartindo. Nun determinado momento, un socio do Liceo comentárnos que non podemos “repartir iso” e que lle deixemos ler o conteúdo. Sorprendentemente léo e o único que nos di é que o acto está organizado polo Liceu e que non se pode repartir “propaganda política”. Logo, dalle outro acordo e comenta que agardemos nese lugar, que vai consultar con outra persoa o tema. Logo duns 17 minutos dentro, o sentido común aconséllanos abandonar o edificio.

Misión cumprida: uns 130 panfletos repartidos , non houbo detección in situ e comprobamos como a xente era receptiva ao discurso de José Antonio Primo de Rivera, iso si, asinado pola organización UPyD, o cal seguramente lle confería actualidade ao “problema do separatismo”. Mais tarde, falando cunha persoa que seguiu dentro mais tempo, coméntanos que nos estiveron buscando sen éxito polo salón de actos, e que non se escoitou nada en contra do folleto, exceptuando unha muller ao que lle pareceu “excesivo”.

Temos que engadir neste ponto que, como nota a rodapé, incluiramos o dato “Procedente de los 27 puntos de UPyD” (referencia aos 27 pontos de Falange Española do 1934) para facilitar, ao cabo, algún dado mais para apoiar a tese que queriamos verificar empiricamente:

“Os simpatizantes de UPyD son receptivos ao discurso fascista da Falange do 1934 no referente á cuestión territorial do Estado”.

Fica comprobado tanto polas reaccións de indiferencia como de asentimento do público, así como pola saída do activista sen identificación nen problemas de nengún tipo.”

 

ANÁLISE DAS POSÍBEIS MOTIVACIÓNS

Nos últimos tempos afloraron no noso país pequenos grupos na órbita da extrema-dereita que tentan medrar en base a un discurso que explota o vitimismo lingüístico e tenta disimular a voracidade supremacista que sempre caracterizou os colectivos galegófobos. Estes grupos manteñen unha belixerancia extrema cara a língua galega, mais souberon modular a mensaxe co obxectivo de aparentar unha menor agresividade.

A mutación, que operou no campo do significante, continuou conservando o leitmotiv facilmente desmontábel da presunta “imposición” da língua propria do país, realmente inmersa nun proceso de sustitución lingüística. O español é a língua promocionada polo proprio sistema, imposta como deber constitucional, garante da unidade territorial do proxecto de nación española,e defendida en último caso pola forza das armas. Dese ponto de vista, o aumento de utentes do galego é ollado como un potencial perigo secesionista ao alterar os límites impostos de língua minorizada (que non minoritaria) e sometida ao contínuo aldraxe dos que ollan con receo posíbeis avanzos cara a auto-determinación da nación galega.

 

Esta mudanza no discurso galegófobo pasa tamén por un cambio táctico nos sectores da ultra-dereita españolista, pasando a ter un maior peso a componente neo-liberal, e aportando xustificacións individualistas que, aínda así, non chegan substituir en todos os casos os vellos argumentarios do fascismo, entrando moitas veces en contradición. Poderiamos dicer entón que o neo-liberal ocupa a día de hoxe o emprazamento do fascista, exercendo idéntico papel no tocante á defensa da unidade territorial, aportando unha renovación superficial que non varía en significados, mais muda a forma , o significante.

Desta maneira logran evadir a súa verdadeira raíz, reducen o que naceu como un problema colectivo ao plano do individual e pasan á táctica dunha certa equidistancia no plano idiomático, a falsear o conceito do “bilingüismo” que na realidade agocha a defensa a ultranza do idioma español.

É un deber para os que defendemos o idioma galego o combater estes discursos, tentar anular e desmontar todos e cada un dos argumentos falsificados aos que recorren para xustificar o sometemento da língua.

ENTENDENDO O PRINCIPIO DA SOBRE-IDENTIFICACIÓN

O princípio da sobre-identificación funciona no plano da afirmación subversiva da orde dominante, chegando a constituir un método eficaz para atacar as vulnerabilidades de certos discursos do sistema. Imitando os códigos con fidelidade e levándoos ao límite podemos facilitar que afloren as “caras ocultas” dun actor político ou grupo social, desenmascarando a realidade antes invisíbel.

En palabras de Zizek (tirado do Manual da Guerrilla da Comunicación“):

“Unha ideoloxía consta sempre de dúas partes, os valores explícitos, declarados e propagados publicamente e a súa cara oculta”

Neste sentido o repto foi conseguir afirmar todas as vindicacións de UPyD no referente á “Unidad de España” e demostrar xa non só que son equiparábeis, se non que no fondo son exactamente as mesmas que as realizadas polo fascismo dos anos 30 apesar da modulación na expresión.

Citar certos termos “tabú”, como o acuñado por José Antonio da “Unidad de Destino en lo Universal” que non pode dar lugar a malentendidos a respeito da súa orixe fascista e non lograr a indignación colectiva do público só pode significar o seu asentimento (en todo caso a pasividade sería xa de por si alarmante)

A sobre-identifación opera neste sentido, tanto en afirmar o discurso “oculto” pero que subxace na ultra-direita representada por UPyD, como no referente á cuestión territoral e tamén a respeito da língua. Por cuestións de marketing, intentan eludir calquera intento de asocialos aos “vellos” plantexamentos fascistas. Mais a verdade estivo sempre aí: expresar os “elementos ocultos” en público non só non entra en colisión, se non que é aceptado polas súas bases sociais.

CONCLUSIÓNS

Para concluir, de Isca! quixeramos lamentar o grao de brutalización á que pode chegar unha sociedade que acepte de bo grao formulacións realizadas no pasado polo pior fascismo. Existe campo abonado en determinados sectores sociais para a súa reimplantación baixo identidades diferentes, mais cun discurso análogo no significado e intencións. O proceso está alentado por determinados meios de comunicación, certos poderes económicos e o mesmo aparello institucional español, detentor do “Nacionalismo de Estado” que recrea as condicions idóneas para volte aflorar o fascimo, baixo formas anteriores ou novas.

No pasado, e baixo o pretexto da “Unidad de España” asasináronse decenas de milheiros de inocentes e tivo lugar unha campaña de terror sistematizado , 40 anos prorrogados por un continuismo no que ainda a día de hoxe persisten as elites colaboracionistas do Franquismo e dos seus sucesores tanto no plano institucional como no económico.

Que o discurso de Rosa Díez, procedente do PSOE, chegue a tal grao de ósmose cos plantexamentos Joseantonianos debe alertar a todo o campo da esquerda, e en particular , a todxs aquelxs que nos sentimos independentistas. Que exista base social para dar pe á pior reacción involutiva é unha posibilidade comprobada.

Como a propria Rosa Díez sostén: “no nos importa que nos llamen fachas (…) que digan que estamos a la derecha de la derecha“. Pois ben, nós, hoxe, recollemos a súas palabras e aseguramos, sen lugar a dúbidas, que UPyD non só se ubica ideoloxicamente na extrema dereita , se non que os seu discurso vai abandonando un certo lerrouxismo para achegarse cada vez mais ao Fascismo ordinario. Xa só lle falta o militarismo (e non está moi lonxe ao vindicar o aumento dos orzamentos para Defensa ou en cartas como esta) para que UPyD se poda considerar a réplica modernizada da “Falange Española” de José Antonio Primo de Rivera.

 

De novo, a burguesía, como se comproba no caso do Liceo Casino de Pontevedra, volta ser proclive a discursos fascistas, e non nos cabe dúbida de quen en etapas de crise non dubidarían en recorrer aos “vellos métodos” para frear calquera vindicación da clase traballadora se afecta aos seus intereses como clase.

Continuemos atentos e sigamos a boicotar os actos dos infames que lexitiman co seu discurso a repetición do terror fascista. Mobilicémonos, recuperemos campos de actuación e loitemos a prol do noso idioma contra os lingüicidas.

Iso si, fagámolo con planificación, evitando criminalizacións innecesarias: A Guerrilla da Comunicación é unha ferramenta indispensábel para o activismo do século XXI.

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario