Campaña nacional: o futuro gáñase loitando!

.

Isca! lanza hoxe unha nova campaña nacional, que baixo o lema “o futuro gáñase loitando!” aspira a socializar entre a mocidade a necesidade de unirse, de organizarse e de loitar para transformar a realidade. Sempre é tempo de loitar, mais pensamos que nun momento como este hai máis razóns que nunca para organizarse e facer frente a este sistema inxusto que non deixa de roubarnos dereitos (especialmente á mocidade) e nos impide aspirar a unha vida digna. A campaña nace con unha web propia: www.loitando.org, onde se recollen análises sectoriais de diversas problemáticas que afectan á mocidade galega e as nosas alternativas. O obxectivo é facer confluir as reivindicacións parciais en un proxecto global de liberación nacional e transformación social como o que estamos a construir. Para iso, pensamos que é imprescindíbel a unidade de todas as que desde a esquerda patriótica traballamos por facer frente a un Estado e un sistema cada vez máis opresivos.

No marco desta campaña elaboraremos diversos materiais de propaganda e axitación que difundiremos masivamente, e realizaremos diversas actividades de divulgación e denuncia. Prentendemos pois con esta iniciativa seguir e expandir e consolidar o noso proxecto político, sumando máis mozas e mozos á batalla revolucionaria, conscientes de que a loita ten máis sentido que nunca e que debe estar claramente dirixida a romper con España, a derrubar o capitalismo e a desmontar o patriarcado.

.

A seguir reproducimos o texto de presentación da campaña:

O sistema quere que nos resignemos e que fiquemos domesticadas e pasivas. Que pensemos que nada se pode facer para cambiar o estado das cousas, e que esta realidade é a única posíbel. Cando non é así, usan a represión e o medo co mesmo obxectivo, desmobilizarnos xusto nun momento en é mais necesario que nunca organizarse e loitar.

A mocidade galega comeza a ser cada vez máis consciente de que están a roubar o seu futuro. Non hai emprego e o pouco que hai é precario e en condicións de explotación extrema. Fórzannos a emigrar. A vivenda cada vez é máis un luxo e non un dereito, e o ensino cada vez máis elitista e españolizador. Discriminan e atacan a nosa lingua propia e a nosa cultura en todos os ámbitos. Impidenlle ás mozas decidiren sobre os seus corpos. Seguen a aplicar recortes ás clases populares mentres os poderosos continúan a enriquecerse. Para garantir que todo iso se leva a cabo sen oposición, recortan as liberdades públicas e os poucos espazos democráticos que ainda existían, reformando as leis e o código penal ao seu antollo.

Temos cada vez máis razóns para facerlle frente a este sistema criminal e corrupto. Cada vez máis motivos para romper de vez co decadente rexime capitalista español, coa dominación patriarcal e com todas as estruturas de opresión. Neste sistema nengún tipo de vida digna é posíbel. É preciso pois ir das loitas concretas ao xeral, defender unha ruptura democrática, dotarnos de ferramentas de decisión e soberania para podermos organizar a sociedade de xeito diferente. E para iso cómpre acumular forzas en todos os ámbitos de todas as que desde a esquerda defendemos a liberdade da nosa nación.

Loitamos por conquistas aquí e agora e en todos os espazos, por defender e recuperar os dereitos roubados, mais sabemos que só con unha mudanza radical de sistema poderemos ter garantida unha vida digna. Non abonda só con parches, por iso traballamos pola independencia, para construir o socialismo nunha república galega con xustiza social e igualdade plena.

Contra o individualismo e o apoliticismo que nos tentan inculcar, nós pensamos que é tempo de dar a batalla, de organizarse e de loitar. A historia demostra que todos os dereitos cos que ainda contamos e que agora tentan arrebatarnos foron conseguidos con esforzo e a loita de xeracións que defenderon un mundo mellor, sen medo a comprometerse. Coa organización política conciente seremos fortes, seremos quen de facer que o medo cambie de bando, comezar a derrubar todos os privilexios e construir desde xa unha sociedade diferente organizada sobre outras bases.

Somos Isca!, organizamos a mocidade galega para loitar por un futuro digno na nosa terra, rompendo con España, co capitalismo e co patriarcado.

Articulámonos como organización xuvenil do Movemento Galego ao Socialismo (MGS), partido comunista e independentista integrado no BNG, frente soberanista e de esquerda pola liberación nacional. Porque hoxe, máis que nunca, é preciso axuntar forzas para transformar a realidade.

Organizámonos e formámonos, loitamos a pé de rúa, no movemento estudantil, no sindicalismo de clase, no feminismo, nos movementos en defensa da terra e no asociacionismo de base de todo tipo, para seguir a xuntar mocidade em base a un proxecto revolucionario.

Chamámoste a dar o paso e organizarte con nós, porque loitar hoxe é construir a sociedade nova do mañá, a Galiza ceibe e socialista que arelamos.

O futuro gáñase loitando!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario