Atila en Galiza, Nunca Máis!

A realidade adoita aparecer supetamente entre as fendas da máscara de normalidade que se configurou no Estado Español despois da morte do ditador, e amósanos que segue a existir unha vontade negadora dos feitos tal cal existiron e da necesidade de investigar sobre os mesmos para dar a coñecer á luz pública quen foron e que defendían politicamente os que se ergueron no 36 contra o poder instituído polas urnas e que persoas foron albo das súas prácticas violentas.

A chamada “Transición” derivou nun pacto que conlevou, en troques da creba democrática, a reforma do Franquismo polos propios franquistas coa connivencia da esquerda española domesticada do momento, de aí que a Lei de Amnistía protexese os culpábeis da persecución e crimes políticos cometidos durante a ditadura. Esa pechadura en falso, ese borrón e conta nova non fixo máis que dar lexitimidade democrática aos que anos atrás desfilaban con pistola pola praza pública, mantendo no silencio os que sufriran o exilio, persecucións, encausamentos, longas tempadas de prisión, “rapas”, violacións ou expolios monetarios.

O Parlamento do Estado aprobou unha Lei de Memoria Histórica realmente insuficiente e limitada polo propio contexto herdado da Transición que mesmo protexe os verdugos fronte as vítimas e limita a acción dos investigadores para abrir luz sobre o pasado e construír unha sociedade en que se poida asumir este con normalidade. Moitos foron os casos recentes en que se negou o acceso a documentación e se dificultou a esculca, mesmo sometendo a xuízo por calumnias a investigadores que, coma Dionísio Pereira, publicaron datos contrastados sobre a represión nun contexto local.

A carta anónima que recibiu o investigador de Cuntis Héitor Picallo, autor dunha máis que necesaria publicación sobre unha figura esquecida do nacionalismo e do movemento obreiro galego no primeiro terzo do século XX, non é máis ca unha mostra de xenreira de persoas con connivencias e simpatías co fascismo que non están dispostas a permitir que se recupere a memoria dos vencidos na guerra civil.

Os mozos e mozas independentistas que facemos parte de Isca! enviamos unha forte aperta de apoio a Héitor Picallo que facemos extensiva aos investigadores que están a traballar pola recuperación da memoria e a dignificación das vítimas da represión fascista na Galiza. Non nos resignamos a que se faga pública a verdade: que se recoñeza que o 18 de xullo de 1936 houbo un golpe de Estado, unha sublevación contra un sistema lexítimo que derivou nunha violenta represión sobre os sectores socialmente máis dinámicos, que se investigue o paradoiro dos galegos e galegas desaparecidas e se dea soterramento digno aos corpos que xacen nas fosas comúns, que a obra de Xohán Xesús González, como a de Alexandre Bóveda, Castelao e outros referentes da esquerda soberanista se dea a coñecer con normalidade nunha Galiza dona de seu .

Loitaremos para que agrome a herba por riba das pegadas dos aínda rinchantes cabalos do Atila das estampas de Castelao, unha herba rexa e plena de enerxía para liberar a nosa Terra do esquecemento e construír unha Galiza independente e socialista.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario