Isca!

Novas

As organizacións xuvenís dos pobos oprimidos polo Estado español ante o 9-N

As organizacións xuvenís dos diferentes pobos oprimidos polo Estado español queremos amosar o noso compromiso colectivo en prol da celebración dun referendo de autodeterminación na comunidade autónoma de Catalunya o vindeiro 9 de novembro.

Os piares do réxime decadente de 1978, que foi imposto polas elites políticas, económicas, relixiosas e sociais do Estado para poder seguir a explotar as clases traballadoras das diferentes nacións oprimidas que o conforman, cambaléanse agora máis que nunca. Este réxime, nado da falsa transición política hai catro décadas e que serviu ás clases dirixentes do Estado español para manter a súa posición de poder após a ditadura fascista do xeneral Franco, esborrállanse agora grazas ás innumerábeis batallas que libramos nas rúas desde as diferentes frontes de loita.

Todos os pobos teñen dereito á autodeterminación. Este dereito é inalienábel e pasa por riba de calquera sistema constitucional. Unha parte dos Països Catalans decidiu facer efectivo este dereito, como así se demostrou repetidamente en numerosas mobilizacións masivas nas rúas e na organización de máis de medio milleiro de consultas populares auto-organizadas, que forzaron o pasado mes de decembro a convocatoria dunha consulta sobre a independencia o vindeiro 9 de novembro na comunidade autónoma de Catalunya.

Temos que ser conscientes de que ningún proceso de ruptura co réxime do 78 será posíbel ser desobedecer. A desobediencia á orde constitucional é a única vía posíbel para conseguir a nosa liberdade. Así mesmo, convén insistir no feito de que as nosas elites políticas e económicas autonomistas e capitalistas nin poden nin teñen ningunha intención de desobedecer a España para materializar a independencia. Por esta razón, resulta indispensábel que o pobo sexa o centro de calquera proceso de liberación nacional, porque a ruptura co Estado español debe ser un proxecto ao servizo dos pobos e das traballadoras.

Cada paso do pobo catalán en prol da ruptura co réxime ten que estar decididamente enmarcado en conseguir a independencia no conxunto dos Països Catalans. Para isto, entendemos que é un deber do independentismo catalán estender a chama da desobediencia en todo o territorio para responder con determinación a todas as conxunturas que se dean en cada un dos diferentes territorios que conforman a nación catalá.

Queremos a independencia para poder cambialo todo. Entendemos o dereito á autodeterminación como o dereito a decidir sobre todo o que nos afecta. As clases traballadoras, o conxunto das clases populares e, en definitiva, todas as persoas vítimas da ofensiva capitalista e patriarcal temos que ver na independencia unha ferramenta fundamental que nos permita superar de forma integral toda a orde estabelecida para sabérmonos definitivamente libres. Para conseguir os nosos obxectivos é fundamental que a mocidade traballadora de todos os pobos oprimidos polo Estado español unamos as nosas loitas baixo a bandeira do internacionalismo para conseguir a nosa independencia e rematar co capitalismo e o patriarcado.

As organizacións asinantes expresamos de forma clara o noso apoio á realización desta consulta e reivindicamos, unha vez máis, o dereito á autodeterminación de todos os pobos oprimidos polo Estado español, así como de todos os pobos oprimidos do mundo.

Mentres non nos deixen soñar, seremos o seu peor pesadelo!

Independencia, socialismo e feminismo!

ARRAN, Azarug, Briga, Darréu, Ernai, Inekaren, Isca!, Jaleo!!!, Purna e Yesca

Blogue internacionalista

Difunde!