Ante a declaración de alto o fogo de ETA

A organización armada vasca ETA ven de anunciar a declaración dun alto o fogo. A seguir reproducimos o comunicado feito público polo Movemento Galego ao Socialismo, que subscrevemos plenamente:

Consideramos que o anuncio por parte de ETA dun alto o fogo permanente, xeral e verificábel é un feito que contribúe de forma determinante a xerar un novo escenario de paz e normalización política en Euskal Herria.

Este comunicado supón unha resposta positiva á Declaración de Gernika asinada por numerosas forzas políticas e sociais vascas, así como ás peticións dos mediadores internacionais, abrindo así o camiño para o fin definitivo da violencia.

Así mesmo, vai en consonancia co proceso de debate da esquerda abertzale que concluíu coa súa aposta pola utilización de medios exclusivamente pacíficos como medio para a consecución dos seus obxectivos estratéxicos.

En consecuencia, demandamos do goberno español que contribúa a facilitar ese novo escenario poñendo fin ás medidas de excepción aplicadas contra a esquerda abertzale. Denunciamos de novo a vulneración dos dereitos civís e políticos dun importante sector da sociedade vasca, feito que supón hoxe por hoxe -tras o anuncio de ETA- o principal obstáculo para esa normalización política. Xa non existen as escusas que até o momento se utilizaron para a ilegalización de forzas políticas, o encarceramento de dirixentes (nomeadamente Arnaldo Otegi, principal interlocutor da esquerda abertzale), a actual política penitenciaria ou a persistencia da tortura contra detidos.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo saudamos este importante paso, desde a certeza de que será determinante para abrir un proceso democrático que finalice con décadas de violencia e permita por fin ao pobo vasco dispor do seu futuro en paz e sen inxerencias.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario