Á ofensiva pola República Galega

Isca! estivo presente, por noveno ano consecutivo, nas mobilizacións polo Día da Patria galega baixo a palabra de orde “para gañarmos o futuro, República Galega” porque, como xa dixemos na campaña previa que realizamos, entendemos que unha República Galega soberana, unha independencia total, é unha ferramenta imprecindíbel, é condición necesaria que permitirá guiar o noso futuro e transformar radicalmente a realidade. É pois a soberanía e a independencia a vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistémica diferente, deixando atrás opresións de todo tipo, onde os dereitos sociais estean garantidos e non poidan ser mercadoría das que unha minoría extraia lucro. Efectivamente a mera proclamación dunha República de noso non supón por si mesmo un cambio de sistema socioeconómico mais é unha necesidade imprescindíbel se queremos dispor de condicións reais para facelo.

A mocidade sumando esforzos

Baixo estas premisas mobilizámonos o día 24 de Xullo na manifestación xuvenil unitaria pola independencia que viña a repetir a exitosa, novidosa e histórica cita para a mocidade do pasado ano onde até un total de 8 organizacións xuvenís e estudantís organizadas no ámbito do soberanismo marchabamos xuntas cun obxectivo común: manter viva a Galiza. Malia as presións policiais, malia as identificacións, malia o estado de sitio centos de mozas galegas marchamos pola zona vella de Compostela, encabezados por unha xigante estreleira, reivindicando unha ruptura co Estado Español para termos un futuro digno na nosa terra, pola superación do sistema capitalista inherentemente corrupto que nos domina e non sermos explotados por unha minoría oligárquica, pola abolición do patriarcado para rematar coa opresión e o feminicidio e outras moitas cuestións das que a mocidade tamén é protagonista como esixir a fin da represión, a dispersión e o respeto aos dereitos humanos para coas presas políticas.

De Isca! parabenizámonos colectivamente polo éxito da mobilización un ano máis, así como do grande traballo desenvolto en diferentes comarcas nas semanas previas con manifestacións, accións simbólicas e traballo conxunto de todas as organizacións para sacar adiante unha convocatoria destas características. Consideramos que a mobilización foi de novo un éxito tanto en participación na mesma como en consolidación dun marco xuvenil soberanista e unitario no cal apostamos desde o primeiro día e onde nos comprometemos a seguir traballando de xeito sinceiro e leal sumando esforzos por unha Galiza soberana, socialista e antipatriarcal, que vai máis alá dunha simple mistura de siglas e é un paso máis adiante no movemento nacional e popular de liberación.

Grande manifestación do BNG

Unha grande mobilización percorreu tamén as rúas de Compostela o 25 de Xullo convocada polo BNG pedindo soberanía, democracia e dereitos. En pé por Galiza que serviu para poñer de manifesto as propostas do nacionalismo galego perante aos gobernos galego e español, sumisos aos mandatos do capital, e para demostrar que o proxecto do BNG, contrariamente ao que din moitos grupos de presión mediáticos, segue vivo e plenamente vixente nun momento onde é máis preciso que nunca construir alternativas reais a un sistema corrupto e decadente.

Manifestación numerosa e animosa onde tiveron representación e voz moitos colectivos organizados no país como as persoas estafadas das preferentes, as emigrantes retornadas, estudantes e docentes en defensa dun ensino público, galego e de calidade, a loita sindical de Citroen e moitas outras así como unha activa solidariedade internacionalista cos pobos escocés e catalán que nos vindeiros meses decidirán libre e democraticamente o seu futuro en referendo ou a heroica resistencia do pobo palestino contra o colonialismo e o exterminio sionista.

Isca! estivo presente na mobilización cunha nutrida comitiva propia ateigada de simboloxía patriótica, comunista e feminista. A nosa participación expresa pola vía dos feitos a existencia dun espazo político nitidamente independentista e comunista no seo do BNG que traballa por fortalecer a fronte patriótica como expresión unitaria do soberanismo galego.

Como rematabamos o comunicado da campaña do Día da Patria, para gañarmos o futuro deixemos de lado o individualismo e o apoliticismo, deixemos de lado a pasividade para dar paso á organización e á loita consciente. Porque imos botar abaixo este sistema, porque imos ser donas dos nosos propios destinos e porque imos rematar con toda opresión.

Para gañarmos o futuro: REPÚBLICA GALEGA! 

 >> Galería de imaxes coa campaña de Isca! e mais a nosa presenza nas manifestacións

>> Galería de imaxes da manifestación do 24 de xullo [Gz Foto]

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario