A desobediencia marcou o camiño

Votouse. Desobedeceuse. Meses de ameazas, de desprezos, de burlas. Sentenzas de tribunais políticos españois. A un pobo que decidiu ser libre non o para ninguén. E falou, claramente, contundentemente. O proceso soberanista catalán non é só importante polo feito de que un pobo poda expresar e decidir libremente o seu futuro, senon que supón a maior ameaza para a estabilidade dun réxime decadente e o sistema que o sustenta. Uns piares impostos en 1978 polas elites do Estado Español que serviron para que as clases dirixentes mantivesen a súa posición de poder logo da morte do ditador fascista Francisco Franco. Uns piares, unha falsa transición e un “consenso constitucional” que este proceso aspira a derrubar completamente.

Un proceso que non é espontaneo nin casual e que non resposta, nin moito menos, a unha estratexia de CiU ou a burguesía catalá, como teiman en dicir amplos sectores da autodenominada esquerda española. Foi o propio pobo catalán o que demostrou ao longo de varios anos, en masivas mobilizacións, a súa férrea vontade de exercer un dereito inalienable que teñen e ao que non queren renunciar, o da autodeterminación. Ese mesmo pobo que levou adiante centos de consultas populares auto-organizadas (sendo pioneira a de Arenys de Munt, municipio gobernado pola CUP, tamén prohibida polo Tribunal Constitucional) que forzaron a convocatoria da consulta do pasado domingo día 9 sobre o futuro político do Principat. Foi, en resumo, a mobilización e a organización popular a principal responsábel de que a vontade soberanista sexa xa hexemónica.

Independencia para poder mudalo todo. Mudalo todo porque a independencia é a ferramenta imprescindíbel para tomar o mando do noso propio futuro e transformar radicalmente a realidade. Demóstrase que o único lugar do estado onde está ao alcance da man a conquista dunha república e dun proceso constituínte é en Catalunya, porque son os procesos de liberación nacional os que atacan directamente e de raíz ao réxime capitalista español. Sen rachar con este réxime non será viable ningún proceso revolucionario, nin a construción dun sistema diferente que transforme de raíz o paradigma económico e social, que enfronte os monopolios e que rache de xeito unilateral coas estruturas imperialistas das que fai hoxe parte o Estado Español como a NATO, o FMI ou a UE.

Desde a Galiza é urxente acelerar o proceso de construción nacional, cunha alternativa ruturista e republicana. Cos procesos emancipatorios de Catalunya e Euskal Herria como exemplo, organicémonos para gañar o futuro porque imos botar abaixo este sistema, porque imos ser donas dos nosos propios destinos e porque imos rematar con toda opresión.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario