A 5 anos da morte de Chávez. Unión cívico-militar: a súa principal obra

 

 

Este 5 de Marzo cúmprense 5 anos da morte de Chávez, personaxe político fundamental (nomeadamente en América Latina) para entender o comezo do século XXI, aspecto que é recoñecido até polos máis reaccionarios defensores dos monopolios e o imperialismo, que están en todo momento procurando atacar as conquistas populares do chavismo. Os medios de comunicación, ao servizo das clases dominantes, están constantemente demonizando a obra de Chávez e o propio proceso bolivariano, velaí a extraordinaria importancia desta figura. Se fose unha personaxe inocua para os que hoxe dominan o mundo, pasaría desapercibida ou mesmo sería unha figura simpática. Neste artigo procuraremos explicar a razón principal do odio imperialista contra o chavismo.

A vitoria electoral do comandante Chávez no mes de decembro do ano 1998 é un punto de inflexión en América Latina, abrindo un novo ciclo político de xurdimento de gobernos progresistas, que, a pesar de estar lonxe de superar o capitalismo e erguer o socialismo, supuxeron un avance social relevante para os pobos da rexión, deixando atrás gobernos totalmente entregados aos ditados do imperialismo estadounidense. Porén, tamén debemos valorar os límites da xestión do capitalismo e a política de conciliación de clases, algo que fixo que moitos destes gobernos progresistas xa non existan e fosen substituídos por outros de orientación neoliberal, nalgúns casos a través do golpismo. A experiencia bolivariana venezolana é (antes coa dirección de Chávez e agora coa de Maduro) se cadra, a máis avanzada e resistente destes procesos de “cambio”.

Para apoiar o lexítimo goberno bolivariano fronte á manipulación mdiática imperialista adóitase defender o seu carácter democrático e popular, así como as súas conquistas de tipo social, económico ou político, que fixeron que hoxe este país (aínda que segue a ter graves problemas) sexa bastante mellor que antes da chegada de Chávez ao goberno. Porén, hai un aspecto do que non se fala moito, mais se cadra é o máis importante, é a base para desenvolver e defender o proceso fronte ás agresións inimigas: a unión cívico-militar, isto é, tal como indica a propia expresión, a combinación da forza popular e o apoio do exército (e tamén da policía) ao proceso.

Calquera proceso político anti-imperialista, progresista ou revolucionario, precisa contar cun Exército e unha policía disciplinadas que defendan a independencia nacional e os intereses do pobo fronte ás agresións burguesas e imperialistas. Sen esta condición, ditos procesos caen inmediatamente en mans da reacción, como así amosou a historia en repetidas ocasións. Nisto, Venezuela non é unha excepción. Sen ese apoio militar e policial, o proceso bolivariano non tería resistido até hoxe as constantes ofensivas da oligarquía fascista e o imperialismo, a través do golpismo, o terrorismo e os asasinatos. É loita de clases. Por iso, o legado de Chávez é tan odiado polos imperialistas. Resistiu grazas ao apoio popular e do exército, morreu, mais con Maduro a unión cívico-militar segue en pé. Os imperialistas preferirían que Chávez tivese o mesmo final que Allende, por exemplo. De feito, até o propio PSOE di reinvindicar o legado de Allende mentres atacan sen piedade o legado chavista. Os monopolios e as forzas reaccionarias prefiren que os dirixentes progresistas ou revolucionarios sexan derrotados, e, a partir da súa derrota, dedícanse a baleirar de contido a súa loita.

En certos sectores de “esquerda radical”, nomeadamente occidental, existe a tendencia a pensar que os exércitos son “malos” e reaccionarios por si mesmos. Porén, o legado chavista amosa máis unha vez que iso non é certo, pois depende dos intereses de clase que defenda un determinado exército. É evidente que no caso do Estado español, que é o contexto no que nós temos que desenvolver a nosa loita independentista e revolucionaria, os corpos militares e policiais exercen de forzas de ocupación en nacións coma Galiza, Euskal Herria ou os Països Catalans, e protexen sempre os intereses do grande capital e o imperialismo. Son, polo tanto, forzas que garanten a opresión nacional e de clase. Sen embargo, o caso venezolano é ben diferente e, neste caso, o exército e a policía son forzas progresistas e anti-imperialistas.

É evidente que Venezuela está a atravesar unha mala situación económica na actualidade, que non é unha crise do socialismo, xa que non existe socialismo en Venezuela, senón unha crise do capitalismo dependente e rentista do país, cunha guerra económica promovida pola oligarquía nacional e internacional. Fronte a esta situación, os sectores máis conscientes e combativos do proceso están chamando a unha saída revolucionaria á crise, que derrube a hexemonía burguesa e sitúe os medios de producción baixo control obreiro e popular, no camiño do socialismo. Porén, polo menos o exército e a policía bolivarianas garanten a supervivencia deste proceso progresista e execen de encoro de contención da agresividade da “oposición” fascista ao servizo do imperialismo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario