[8 de marzo] Feminismo sen tregua!

8m2012Existen diversas versións sobre o 8 de marzo. A máis coñecida é a dun incendio ocorrido nunha fábrica téxtil en Nova Iorque en 1857, onde terían morto queimadas as obreiras que facían unha folga. Tamén existen outras investigacións que sosteñen que ese feito non está probado historicamente e que en realidade o que aconteceu foi unha marcha convocada polo sindicato de costureiras dunha compañía téxtil en marzo de 1857, que reclamaban a xornada laboral de 10 horas.

A orixe do Día Internacional da Muller está intimamente ligado á historia dos partidos socialistas de Estados Unidos e Europa e, en particular, ao protagonismo das mulleres neles, sendo destacábeis as xornadas de reflexión sobre diversas temáticas a ver coas mulleres que se instauraron no Partido Socialista de Estados Unidos en 1908, tratando na primeira delas a campaña polo sufraxio e contra a escravitude sexual.

As reivindicacións dos dereitos das mulleres están intimamente ligados cos movementos revolucionarios. Foi no 1910 cando se realizou a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas onde se propuxo estabelecer un Día Internacional da Muller, por iniciativa de Clara Zetkin, unha das figuras máis destacadas no movemento socialista e feminista internacional. Dirixiu a revista Igualdade, formou parte da Internacional de Mulleres Socialistas (da que foi Secretaria Xeral) e propuxo á II Internacional a inclusión das mulleres na loita de clases que abarcaba a emancipación económica, xurídica e política da muller.

Así, o primeiro Día Internacional da Muller celebrouse o 19 de marzo de 1911 en diferentes países do continente europeo. En 1913 celebrouse por primeira vez en Rusia baixo a denominación de Día Internacional das Obreiras. Tamén en Rusia e en plena Primeira Guerra Mundial, o 8 de marzo de 1917 (23 de febreiro no calendario Xuliano), as mulleres de San Petersburgo realizaron unha marcha na que reclamaban pan e o regreso dos combatentes. Á marcha uníronselles obreiros e estudantes. A partir de entón, o 8 de marzo quedou fixado como o Día Internacional da Muller Comunista en todos os países da órbita socialista. No resto do mundo, os partidos comunistas foron os que promoveron a instauración desta data.

O 8 de marzo é o Día Internacional de todas as mulleres, da metade do planeta que fica atrapada nas redes do patriarcado. Esa metade que sofre a opresión de xénero polo simple feito de ser muller. Unha opresión transversal que bate na nosa vida, nos nosos corpos e que se entrelaza coa opresión de clase e, no caso galego, coa opresión nacional.

Opresións que, xuntas, explican a realidade de desigualdade que está presente nas nosas vidas: laboral, salarial, contratación, conciliación, etc. Así tamén se explica que os salarios das mulleres sexan máis baixos que os dos homes. Así tamén se explica a infravaloración das capacidades e das competencias das mulleres. Así tamén se explica unha superior taxa de desemprego feminino, porque a incorporación das mulleres ao mercado laboral é incompleta e a súa situación é de desigualdade de precariedade. Tamén se explica a apropiación sexual das mulleres nos conflitos bélicos. Tamén se explican as mutilizacións ou as lapidacións. Tamén se explican os canons estéticos, a explotación e falta de recoñecemento do traballo doméstico, o confinamento ao fogar, a supeditación da muller ao home ficando como apéndice nas relacións sentimentais, o vivir nunha eterna minoría de idade que ten que pedir permiso para abortar ou morrer nun aborto clandestino.

As mozas de Isca! temos a certeza de que a xustiza social pasa polo combate permanente para pór fin ao sistema patriarcal e pola loita diaria e a construción dunha alternativa socialista ao sistema capitalista sendo esta condición necesaria (mais sabemos que non suficiente) para a desaparición do patriarcado. Así, participamos activamente no movemento feminista e este 8 de marzo:

  • Apoiamos a mobilización nacional unitaria que impulsa o feminismo galego o domingo día 8 ás 12:00 horas desde a estación de trens de Compostela. [INFO]
  • Animamos a participar tamén no acto nacional que o BNG realizará o sábado 7 ás 11:00 horas diante do mercado do Calvario de Vigo baixo o lema “a forza do feminismo”. [INFO]

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario