6-D: esta non é a nosa Constitución

Como todos os anos, o 6 de decembro chega a conmemoración da ratificación da Constitución Española. Un texto herdeiro do réxime franquista, que serviu como culminación da denominada transición. Un período que se nos vendeu como semente dunha nova democracia e que simplemente quedou nun lavado de cara do réxime fascista para que os mesmos de sempre conservaran intactos os seus privilexios.

Ante o orgullo do Estado español pola celebración do día da Constitución, dende Isca!, mocidade organizada para conseguirmos unha Galiza independente e socialista, queremos mostrar o noso rexeitamento a dito texto nesta data, ao igual que fixemos o 12 de outubro coa súa festa nacional dicindo alto e claro: nada que celebrar. Rexeitamos o actual marco constitucional que discrimina a Galiza dentro do Estado español, negándonos o recoñecemento da nosa realidade nacional, cultural e lingüística.

Unha Constitución que prohibe expresamente o exercicio de autodeterminación, negando o noso dereito como pobo para decidir libremente o noso destino, e é garante da “Unidade de España”. Vemos día a día como calquer tipo de aspiración nacional de outras nacións do Estado son esnaquizadas polo Congreso ou mesmo polo Tribunal Constitucional, impedindo o seu dereito á soberanía. Mentres tanto, dende o Estado español, foméntase un discurso de redución das competencias que merme aínda máis a cativa capacidade de autogoberno da nosa Nación. Non só se nos nega o dereito de decidir, senón que na Constitución chégase a reflectir como deber das Forzas Armadas o de manter a indivisibilidade do Estado español.

A Constitución impón a obriga de coñecer a lingua española. Todas as galegas teñen o deber de coñecer o español pero non o galego creando unha clara situación privilexio cara a lingua imposta. Unha situación que lexitima o exterminio da nosa lingua cun preocupante retroceso no número de galegofalantes. 

A continuidade do anterior réxime reflíctese claramente na figura do xefe do estado, que chegou a xurar nas cortes os principios do movemento, sendo nomeado por Franco e sen estar suxeito a elección popular. Permitíndolle tanto a el como a súa familia ter asignado á súa disposición presupostos millonarios procedentes das arcas da administración que lles permita vivir como privilexiados ante quen os sustentan.

Os mesmos, que durante máis de 30 anos consideraron a constitución como un texto inamovíbel que serviu para limitar ás nosas aspiracións nacionais e sociais, coa presión dos poderes económicos e a vontade dos partidos do poder, PP e PSOE, pactaron e aprobaron dunha reforma da Constitución, na que o pago da débeda aos bancos e a estabilidade orzamentaria pasan a ser a prioridade para as administracións públicas. Esta reforma, aprobada no verán do 2011, é unha agresión máis á democracia, sen o imprescindíbel debate e consulta pública e sen ningún tipo de respecto aos dereitos dos pobos. A reforma está encamiñada en satisfacer a fame dos “mercados”, recortar máis dereitos e agravar aínda máis a situación de precariedade das clases populares quitándolle prioridade a fortalecer os servizos públicos, sanidade, educación ou as nosas pensións. A constitución española tampouco nos ofrece solucións fronte á actual crise económica que impide que Galiza poida desenvolver os seus sectores produtivos e pór en marcha as súas propias medidas de desenvolvemento económico.

Dende Isca! sabemos que o noso necesario camiño cara á independencia pasa por romper co marco constitucional e cos Estatutos de Autonomía, que sempre deberán ser ratificados polas cortes españolas ao igual que calquer ampliación de competencias. Por iso é necesario racharmos con todas as imposicións e exercermos plenamente o noso dereito a autodeterminación, como calquer pobo do mundo que desexe ser libre. Con España non temos futuro!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario