Isca, 5 anos organizando a mocidade rebelde!

 O 15 e 16 de xullo de 2006 tiña lugar en Compostela a nosa Asemblea Constituínte. Alí púñase a primeira pedra no difícil proxecto de consolidar un novo espazo político xuvenil no seo do nacionalismo, un espazo nidiamente independentista e revolucionario que fose capaz de combinar incidencia social con un discurso coherente e desacomplexado. Para iso, hai cinco anos xuntámonos varias ducias de militantes mozos e mozas que aspirábamos a renovar o discurso e a praxe do movemento xuvenil, aglutinando a militancia crítica coa deriva da dirección política do nacionalismo nos últimos anos, que se fixera tamén palpábel en Galiza Nova ou nos CAF/Comités.

Con todas as dificultades que tivemos e plenamente conscientes das nosas carencias, que non son poucas, o certo é que ben podemos parabenizarnos por seguirmos aquí, seguir avanzando e sermos unha organización con moito futuro, unha ferramenta de loita que consideramos imprescindíbel para os tempos que veñen.

Neste tempo foron variados os nosos campos de actuación: desde o traballo no seo Galiza Nova até o movemento estudantil, o sindicalismo, o asociacionismo cultural, os Centros Sociais, o movemento en defensa da lingua… moitas son as frontes onde temos trasladado a nosa visión e as nosas propostas, e moitas teñen sido tamén as nosas propias actividades e campañas por diversos temas: os nosos dereitos nacionais, a defensa do idioma, as seleccións deportivas, a loita obreira, o feminismo, a defensa do medio, a solidariedade internacionalista cos pobos en loita…

Se ben en Galiza Nova a nosa capacidade de incidencia non foi toda a que quixésemos, si que é certo que nos convertemos no referente fundamental de boa parte da militancia máis crítica e combativa e que aposta por unha maior democracia e pluralidade interna, pola participación da militancia e por un discurso máis coherente, desacomplexadamente independentista e de esquerdas e autónomo. A presentación da Proposta Militante como alternativa na última Asemblea Nacional das mocidades do BNG centrou os nosos esforzos e consolidouse como segunda forza en Galiza Nova, con grande capacidade para medrar e defender novos xeitos de facer as cousas, como xa puxemos de manifesto nalgunhas localidade e comarcas, a pesar de todas as trabas.

O movemento estudantil, moi debilitado nos últimos anos, foi un dos nosos principais ámbitos de actuación, e temos analizado en numerosas ocasións a súa situación e as nosas posibilidades de intervención nel. Así, chegamos á conclusión xunto con moitos outros compañeiras e compañeiros de que era precisa xa unha nova ferramenta que servise como revulsivo e volvese sentar as bases para dinamizar o movemento estudantil. Por iso, a nosa militancia colaborou no nacemento da Liga Estudantil Galega, que xa é a principal organización estudantil do país e onde hoxe en día poñemos todos os nosos esforzos.

Foi especialmente a partir da nosa segunda asemblea nacional que demos un reimpulso fundamental da nosa organización, e foi desde ese momento cando se deu un medre ininterrompido en afiliación e actividade, con campañas propias por diferentes temas, actos, participación en mobilizacións, etc. Tamén publicamos regularmente o noso voceiro nacional, Combater, editamos case 30 edicións da nosa folla axitativa Rebater, e publicamos xa 4 cadernos de formación de temática diversa, baixo o nome Debater.

Pola mesmas datas en que nacía Isca!, comezaba a articularse un espazo crítico no seo do BNG, inicialmente nucleado fundamentalmente por xente do ámbito sindical e xuvenil, ao que foron uníndose moitos mais compañeiros neste tempo e que hoxe xa é unha realidade asentada. Por iso, estamos orgullosos tamén de termos feito unha achega fundamental na construción dunha organización política que, nas nosas mesmas coordenadas, actúe no seo do BNG para defender o seu proxecto orixinario: frontista, plural, combativo, mobilizador, soberanista e de esquerdas. Este é o proxecto que hoxe encarna o Movemento Galego ao Socialismo (MGS), organización independentista e socialista coa que mantemos relacións fraternais e que xoga un papel importante tanto na fronte como no sindicalismo nacionalista e noutros espazos de intervención.

En todo momento fomos conscientes de que o noso percurso non ía ser fácil. Vai contracorrente quen -neste momento en que está tan de moda na esquerda renunciar a cambiar o sistema e optar por cambiarse un mesmo- se nega a asumir esa posición de derrota e ergue un discurso claramente antisistema e revolucionario. Por iso, foron moitos os que nos auguraron unha pronta desaparición, mais aquí seguimos a pesar de moitos atrancos que, como a previsíbel represión que tamén tivemos que enfrontar, nos teñen dificultado o camiño.

A existencia dese espazo propio que queríamos construír e a súa consistencia son xa unha modesta realidade que medra de vagar en militancia e capacidade de influencia, á que aínda lle falta moito por percorrer. Seguiremos por tanto traballando como até agora: reimpulsando un movemento estudantil transformador e combativo, colaborando activamente en diferentes movementos e organizacións sociais, desde o sindicalismo até o asociacioismo cultural ou en defensa da terra, e, por suposto, saindo á rúa cada día trasladando o noso discurso anticapitalista e rebelde, que non se conforma con agardar a tempos mellores para esixir o que nos corresponde como pobo e como clase.


> Consulta o díptico <

 > Descarga en pdf <

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario