Isca!

En destaque

29 de abril, VI Asemblea Nacional de Isca!

O vindeiro 29 de abril terá lugar en Compostela a 6ª Asemblea Nacional da nosa organización baixo o lema “organizar a mocidade para construír o futuro“, unha cita moi especial logo de cumplir 10 anos de andaina política. Militancia, colaboradoras e convidadas están chamadas a debater uns documentos centrados en diferentes aspectos políticos e organizativos, co fin de marcar a táctica e revisar a estratexia para mellorar a capacidade de intervención política, nun contexto social cada día máis hostil para a mocidade. Escollerase tamén unha nova Mesa Nacional.

O sistema imperialista mundial reconfigúrase e a vella orde unipolar enfronta os seus últimos días. Analizaremos a queda das socialdemocracias e o reimpulso de forzas ultrarreaccionarias no mundo, así como as veloces mudanzas nas relacións internacionais. No entanto a oligarquía do estado español vese ameazada polo principal vector de ruptura, o proceso de independencia de catalunya; que leccións collemos para o futuro destes acontecementos? No noso país, cunha situación de dependencia colonial que é cada día máis aguda, a situación da mocidade traballadora non deixa de empeorar. Cada ano que pasa aumenta o número de persoas emigradas, baixa a poboación activa e a maioría dos contratos son abrumadoramente precarios.

Un dos puntos fundamentais a debate na Asemblea Nacional será a nosa actuación no movemento xuvenil galego, nomeadamente o noso traballo e actuación no seo do BNG así como o futuro dun movemento xuvenil independentista historicamente moi fraccionado (e mesmo enfrontado). Esta atomización complica en gran medida a acción diaria e parte da mocidade que se move no campo popular non entende algunhas diferenzas. Debemos non obviar esta realidade e traballar con novos horizontes. Así mesmo debatiremos tamén a nosa actuación no traballo conxunto de cara a organizar as históricas marchas xuvenís independentistas dos últimos 24 de xullo e analizaremos o noso traballo no eido internacionalista, sindical e do movemento popular. O nacemento de Erguer e a desaparición da Liga Estudantil Galega serán outros dos puntos importantes a analizar, está o movemento estudantil máis fortalecido agora?

O avanzo ideolóxico no campo do transfeminismo e a sexodiversidade centrará outra parte das nosas análises. Por un lado profundizaremos nas diferentes formas de violencia que sofren as mulleres, facendo fincapé na mercantilización que fai o capital dos corpos e tomando unha posición clara sobre debates de recente actualidade como a “maternidade subrogada“. Por outra banda analizaremos como gran parte do movemento LGTBI perdeu o seu potencial antipatriarcal e anticapitalista, sendo secuestrado e dirixido por sectores reformistas e acríticos co sistema. Que iniciativas a nivel político e organizativo se poderían dar no noso país para reverter esta situación?

Estes dous últimos anos non foron sinxelos a nivel organizativo. Un dos nosos principais retos é aprender a canalizar a forza coxuntural da nova militancia, formar principios políticos sólidos e madurar os posicionamentos para adquirir responsabilidade para co proxecto e a organización. Unha organización que se ve lastrada por unha constante necesidade de recorrer ao voluntarismo militante. Isto, unido a factores coxunturais externos ás nosas propias dinámicas, veñen freando o crecemento organizativo cuantitativa e cualitativamente.

Analizar as eivas e corrixilas, tactificar a estratexia no movemento xuvenil galego e dotarnos dunha organización máis cohesionada e preparada para os retos de futuro serán os principais obxectivos desta cita. Se te queres pasar, estamos a preparar algunhas sorpresiñas para a clausura, que vos anunciaremos nas vindeiras datas.

Non faltes!!

Tagged

Difunde!