[25X] Da precariedade xuvenil hai vía de saída: INDEPENDENCIA!

A crise na que vivimos desde hai case unha década, provocada polos grandes poderes económicos e gobernos ao seu servizo, levounos a vivir a maior ofensiva dos últimos tempos contra a clase traballadora. As sucesivas reformas laborais, os recortes sociais, a escalada represiva, e en definitiva a supresión de direitos conquistados durante décadas de loita obreira respostan a unha lóxica de aplicar políticas que só benefician aos intereses do capital, e que fan imprescindíbel e xa demasiado urxente a organización e a resposta popular.

O sector da mocidade é un dos máis afectados pola crise económica capitalista. Cales son as perspectivas de futuro dunha mocidade que emigrou en cifras de decenas de miles? Que clase de vida digna se pode construír cando os contratos temporais superan o 90%? Como podemos consentir que as taxas de desemprego e desocupación xuvenil superen o 50%? É soportábel que o 35% dos contratos que se asinan sexan de menos dunha semana de duración? É aturábel que a mocidade representase o 35% da poboación activa en 2009 a un escaso 25% a finais de 2016?

Non é un problema endémico, son as políticas ditadas polos gobernos ao servizo das corporacións. Son as políticas dirixidas para aumentar a taxa de lucro dos capitalistas a costa da suor da nosa clase. Quen non coñece o contrato por obra e servizo tan habitual na mocidade, nomeadamente no verán? Quen non viviu asinar contratos por 8 horas, traballar 12 e non cobralo, estar a metade do tempo en período de proba ou mesmo traballar sen contrato? A temporalidade é un camiño case de obrigatorio percorrido para todas nós, que dependemos en moitos casos dunha estacionalidade que perxudica moito a creación de emprego e a fixación de poboación.

Nesa espiral de miseria, unha das medidas que opta a un premio da extrema precarización son os contratos para a formación e o aprendizaxe; ironicamente financiados con cartos públicos, isto é a clase traballadora pagando a súa propia explotación. Dirixidos especialmente para mocidade sen tituación, chegan a cobrar un 40% menos que outras traballadoras que fan a súa mesma función. Abarátase a contratación e aumenta a explotación e a extracción da máis-valía do traballo da mocidade.

Para rematar, cando o sistema non é quen de atopar espazo para a explotación xuvenil, chámanos a emprender como unha gran alternativa laboral. Mais está a mocidade no desemprego por non facerse empresaria? Está claro que non. De feito é curioso que os estados que teñen un nivel de desemprego elevado é onde máis casos de autoemprego atopamos. 8 de cada 10 novas PEMES non sobreviven ao seu primeiro ano, e 9 de 10 non chegan aos 5 anos. Ademáis é preciso explicar que isto non é consecuencia da nefasta xestión do negocio ou por ter ideas malas; a desaparición ten relación directa coa fase na que se atopa o sistema capitalista que non é outra que a de acumulación de capital en poucas mans. Polo tanto non é posible competir cos monopolios e o emprendemento non é unha alternativa laboral para a mocidade.

Fronte a un modelo baseado na explotación e a precariedade temos que traballar para levar a conciencia de clase a todos os sectores, reivindicar o dereito a ter un traballo digno e a non entregar as nosas vidas a un sistema explotador e alienante. Para socializar a necesidade da ruptura co corrupto estado monárquico español, ferramenta construída para a dominación capitalista dos pobos e das traballadoras, e construír unha república que garanta un futuro digno que permita o progreso da mocidade traballadora. A ruptura independentista como mellor, máis eficaz e máis sinxelo método de construcción do socialismo, deixando atrás un modelo de atraso e barbarie. Debemos superar o apoliticismo e o individualismo da xuventude, pois só organizadas, só coa loita da mocidade, poderemos rematar coa nosa opresión para conseguir un futuro de noso.

Hai vía de saída para a mocidade traballadora, a independencia!

Este 24 de xullo, asiste connosco á manifestación da mocidade pola independencia con saída da Alameda ás 20:00 e o 25 de xullo á manifestación do Día da Patria ás 12:00 desde a Alameda de Compostela.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario