25N, sae á rúa! Contra o patriarcado, feminismo sen tregua!

.

25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, e desde Isca! chamamos á mobilización, da man da Marcha Mundial das Mulleres, nas diferentes cidades do país para rachar dunha vez con este sistema patriarcal e criminal que nos somete:

  • Vigo: martes 25 ás 20h manifestación, saída dende a Farola de Urzaiz.
  • Ourense: martes 25 ás 20.30h na Praza do Ferro.
  • Ferrolterra: martes 25 ás 20h na Praza da Escola de Fene.
  • Compostela: martes 25 ás 20h na Praza 8 de Marzo, manifestación conxunta do movemento feminista.
  • Pontevedra: martes 25 ás 20h na Praza da Peregrina.
  • Vilagarcía de Arousa: martes 25 ás 20:30h na Praza de Galiza. Convoca As o Soño de Lilith
  • A Coruña: martes 25 ás 19:00h no Obelisco. Convoca Feminismos Coruña

.

A continuación difundimos o comunicado que a Marcha Mundial das Mulleres pendurou no seu portal web.

Un ano máis, outro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, a Marcha Mundial das Mulleres estamos na rúa para denunciar e visibilizar a violencia que se segue a exercer sobre nosoutras polo único feito de sermos mulleres. Segundo unha enquisa feita no ámbito da Unión Europea:

Calcúlase que 13 millóns de mulleres na UE experimentaron violencia física. Esa cifra equivale a un 7% de mulleres con idades entre 18 a 74 anos.

Calcúlase que 3,7 millóns de mulleres na UE experimentaron violencia sexual. Esta cifra equivale a un 2% de mulleres con idades de entre 18 e 74 anos. Na UE un 18% das mulleres foron obxecto de acoso a partir dos 15 anos. Estas porcentaxes representan que 9 millóns de mulleres na UE sufriron e sufrirán violencia machista.

A metade de todas as mulleres da UE (53%) procuran evitar certos lugares ou situacións, por temor a ser vítimas de agresións físicas ou sexuais. Pola contra, enquisas recentes sobre victimización e medo aos delitos indican que o número de homes que limitan os seus movementos é infinitamente máis reducido.

España rexistra a taxa de criminalidade máis baixa dende o ano 2003, segundo o último informe que o Ministerio do Interior publicou a mediados de xullo. As infraccións penais rexistradas en 2013 descenderon o 4,3% Fronte a estes datos, un pero, a violencia sexual que medrou , segundo o mesmo informe, un 1,4%. As violacións son o delito menos denunciado no mundo, en porcentaxes aínda máis pequenas que no resto de denuncias por violencia machista da que se calcula que o 70% permanece silenciada e polo tanto, impune.

As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou dunha escrava.

A solución non é doada e necesita do compromiso de todas e de todos, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está enraizado na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

A violencia contra as mulleres é a violación de dereitos humanos máis universal, presente en todas as sociedades do mundo. Esta violencia exércese de moitas formas, física, psicolóxica, sexual, económica, simbólica. É exercida en diferentes ámbitos da vida das mulleres, independentemente da clase social, nivel cultural, relixión ou raza.

Esta violencia, incrementouse nos últimos tempos. Coa escusa de “crise económica”, estamos a asistir a un brutal recorte de dereitos que se está a cebar especialmente coas mulleres (peores condicións laborais, problemas de conciliación da vida laboral e familiar, ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos, concepción da muller como obxecto sexual, entre outras). ISTO TAMÉN É VIOLENCIA.

Por iso, non podemos esquecer a todas as mulleres que sufriron e sofren diferentes tipos de violencias, aquelas que morreron ás mans das súas parellas, ou ex parellas (no que vai de ano 38 no Estado Español); e tampouco esquecemos a aquelas mulleres que no seu día a día se viron ameazadas, insultadas, desprezadas e coartadas na súa liberdade por ser mulleres. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

Mais tamén exercen violencia de xénero os que propagan ideas e conceptos que perpetúan os valores patriarcais, os que lexislan en contra dos dereitos das mulleres ou non velan polo cumprimento integral das leis existentes, os que privan as mulleres dos recursos para a igualdade, e negan a utilidade das accións e políticas para a igualdade; os que actúan con hipocrisía ao resgarse as vestiduras cada vez que nos asasinan e nos insultan e desprezan privadamente e no ámbito público, en definitiva, os que nos tratan como obxectos e non suxeitos de dereito e cidadás. Por tanto promoven a violencia machista contra todas as mulleres, os organismos e institucións que dan azos á perpetuación dos valores patriarcais: ao valor da familia tradicional en que as mulleres só podemos ser nais, convertendo a maternidade no único fin social para o que sermos educadas; ao valor da sexualidade pasiva, para non darnos ocasión para exercer os nosos dereitos sexuais e reprodutivos; a impornos a heterosexualidade como único modelo sexual; ao intento de recluírnos no traballo dos coidados e no ámbito do privado, para impedir a autonomía económica das mulleres e a nosa participación social na toma de decisións.

Este é o caso do actual Goberno do Partido Popular. Así, comezamos un novo curso escolar, coa formación en economía e a transmisión dos supostos “valores” do emprendimiento asomándose ás aulas, mentres a educación afectivo sexual salta pola ventá. Isto fixeron o ministro de educación Wert e os seus compinches políticos e relixiosos, eliminándoas xunto a coeducación, a ética, a educación para a cidadanía, e a loita contra esta eiva, esquecendo a sensibilización das e dos profesionais e ignorando a incorporación da perspectiva de xénero en todas as etapas educativas, para promover relacións igualitarias como forma de prevención de calquera tipo de violencia machista.

Así tamén comezamos este ano coa ameaza por parte do mesmo Goberno do Partido Popular de reformar a actual lei do aborto. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!! A implicación ten recompensas como xa temos demostrado conseguindo coa unión das feministas e a implicación de moitas organizacións sociais a retirada por parte de Rajoi da reforma desta lei do aborto.

É necesaria a mobilización e rexeitamento de toda a sociedade, a implicación de todas e todos e rachar coa indiferenza, para rematar con este problema tan arraigado. Por iso, especialmente necesaria é a implicación dos medios de comunicación e os seus responsables, polo seu forte papel na socialización dos nenos, nenas e adolescentes e pola influencia que exercen na nosa sociedade.

Os medios de comunicación teñen a a obriga de desterrar expresións tan daniñas como “crime pasional”, “asasinada tras un ataque de celos”, “problema sentimental” ou “agrediuna despois dunha forte discusión”. Moitas veces tamén continúan a xustificar a violencia por causas externas: estaba baixo os efectos do alcohol ou as drogas; evitando así os debates de fondo: por exemplo, que valores lles estamos a transmitir ás novas xeracións para que, os datos digan que catro de cada dez rapaces continúen a pensar que o papel da muller é estar en casa e coidar da familia.

É noso deber denunciar situacións especialmente denigrantes, como é a realidade das mulleres en situación de prostitución, xa que esta é unha forma de violencia extrema para as mulleres, mostrándonos ás mulleres como meros obxectos sexuais para uso e disfrute masculino. A trata de mulleres con fins de explotación sexual é unha consecuencia da existencia da prostitución, onde os prostituidores, mal chamados “clientes”, perpetúan a violencia demandando mulleres como mercadoría, enriquecendo as mafias e a industria do sexo.

Especialmente sensible é a situación que viven as mulleres inmigrantes en situación irregular, xa que coa reforma sanitaria viron minguada as súas posibilidades de acceso aos recursos de atención primaria, sendo máis difícil a detección precoz de situacións de violencia, ademais de verse vulnerado o seu dereito fundamental de acceso á saúde.

Por todo iso dende a Marcha Mundial das Mulleres esiximos aos Poderes Públicos que se IMPLIQUEN, QUE RACHEN COA INDIFERENZA!!! Se os homes maltratadores enfrontáranse cun rotundo non, cun contundente rexeitamento social, especialmente por parte do resto dos homes, a violencia machista reduciríase moi considerablemente. A violencia existente no seo da sociedade, non é máis que a suma das violencias individuais de cada un dos seus membros; a que xera cada unha das persoas que a compoñen e a que é capaz de tolerar e asimilar. Cada xesto, actitude ou comentario pexorativo e discriminatorio contra as mulleres, aumenta a permisividade e abre o camiño cara á violencia contra as mulleres.

Se queremos avanzar como sociedade, non podemos permitir retrocesos en materia de prevención, denuncia e tratamento da violencia contra as mulleres. Por iso, instamos igualmente aos Poderes Públicos, medios de comunicación, sistema educativo e a toda a cidadanía a continuar coa loita e denuncia desta forma a violencia que ataca a metade da humanidade, as mulleres.

Machismo, Sociedade Patriarcal e Cultura da Violación… onde? Aquí, ao noso carón día a día. Esaxeramos?. Non, non esaxeramos!!! A violación silénciase, cálase. E hai veces, que os silencios, matan.

Pedimos a implicación de todos os sectores sociais, pedimos a implicación de todas as mulleres e homes. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

É por todo isto que a Marcha Mundial das Mulleres vos insta a IMPLICARVOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E RACHAR COA INDIFERENZA!!!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario