[24 de xullo] Mocidade galega erguendo o seu futuro: INDEPENDENCIA!

Desde Isca! sempre apostamos por crear espazos de loita unitarios en chave soberanista e de esquerda, sen máis límite que a lealdade e o respecto á pluralidade. A unidade de todas as que defendemos a construción dunha República Galega como ferramenta para a transformación social e a superación do capitalismo e de toda opresión foi pois, desde o noso nacemento como organización, unha prioridade política.

É por iso que saudamos especialmente a histórica convocatoria unitaria que terá lugar o próximo 24 de xullo, data en que unha manifestación conxunta da mocidade soberanista e independentista percorrerá as rúas de Compostela para reclamarmos o dereito a sermos un pobo libre, con saída ás 20h desde a Alameda. Somos oito as organizacións xuvenís e estudantis que impulsamos esta convocatoria, cuxo manifesto reproducimos a seguir:

Mocidade galega erguendo o seu futuro: INDEPENDENCIA!

Neste 24 de xullo, véspera do Día da Patria, todas e todos os mozos galegos conscientes vémonos na obriga de saír á rúa para erguer a voz.

Conscientes de pertencermos a unha Galiza sometida, empobrecida, desmantelada social, cultural e territorialmente, sen soberanía, na que día a día o Estado español nega a nosa capacidade de decisión democrática para someternos ás súas políticas centralistas e antisociais.

Conscientes de facermos parte dun pobo golpeado por un sistema criminal que se lucra da explotación da maioría social, e que imposto na Galiza co selo da marca España, forza á emigración a milleiros de mozas galegas e galegos ou condénanos a unha vida de miseria no noso país. Un sistema capitalista que para perpetuarse desmantela o territorio e practica a espoliación masiva dos nosos recursos, coa total complicidade do goberno galego, que nos deixa para o futuro unha terra empobrecida e contaminada.

Conscientes tamén de as mozas sermos vítimas dunha brutal ofensiva patriarcal que pretende anular os nosos dereitos sexuais e reprodutivos, moldear os nosos corpos e perpetuar o noso rol de nais e boas esposas, de mozas sometidas aos ditames do machismo.
Denunciamos unha realidade marcada polo 50% de desemprego xuvenil, pola dependencia familiar e pola escandalosa cifra de 70 mozas e mozos que abandonan diariamente a Galiza vendo negado o dereito a traballar na nosa terra; denunciamos a estafa e o terror das prácticas non laborais e dos contratos de formación, da eventualidade laboral e o despedimento barato, da imposibilidade de estudar ante o desmantelamento da imprescindíbel educación pública.

Denunciamos un réxime cruel e corrupto, deslexitimado e apodrecido, incapacitado para garantir o benestar da maioría social e cuxa principal función pasa por asegurar que se poñan en práctica as imposicións neoliberais do triunvirato do terror: UE, FMI e BCE.

Denunciamos tamén os ataques á nosa lingua e á nosa cultura, que o Partido Popular continúa exercendo con medidas como a contra-reforma educativa da LOMCE ou o decreto de plurilingüismo co obxectivo de excluír a nosa lingua nas aulas e impor a inexistente uniformidade española. Mais todas e todos sabemos que só se pode españolizar o que non é España.

Denunciamos que homes engravatados e representantes do terrorismo Episcopal lexislen sobre os corpos das mulleres, roubándonos a nosa capacidade de decisión, negándonos mesmo a soberanía sobre o noso propio corpo.

Conscientes en definitiva, de sermos mozas e mozos cuxo dereito á vida digna na nosa terra é negado, erguemos a voz.

E erguemos a voz para denunciar o futuro de miseria que o Estado español, o Patriarcado e o Capital teñen planificado para nós, e que pretenden impor mesmo espallando medo e castigos exemplares entre a mocidade máis consciente e disposta a combater comprometidamente esta opresiva realidade. Denunciamos a criminalización de activistas sociais e militantes independentistas e rexeitamos as medidas de excepción e diversas formas de tortura como a dispersión penitenciaria a que o Estado español, de man do tribunal fascista da Audiencia nacional española somete ás presas e presos políticos galegos.

Erguemos a voz para afirmar que non nos resignamos, que nos auto-organizamos para avanzar no proceso de autodeterminación do noso pobo cara unha República Galega, loitando activamente para derrubar esta opresiva realidade. Podemos e debemos decidir unha Galiza feita por nós e para nós.

Por todo isto, hoxe, as mozas e mozos da Galiza saímos á rúa, erguendo a voz para afirmar nun único, ilusionante e forte berro que si, que queremos unha Galiza libre con persoas libres, unha Galiza moza e viva, unha Galiza rebelde e firme, unha Galiza solidaria e internacionalista, en definitiva, unha Galiza independente, feminista e que rache co sistema capitalista.

Neste 24 de xullo, a mocidade galega reafirma a súa vontade de manter erguida a bandeira azul e branca guiada pola estrela vermella, símbolo da nosa unión en loita por un futuro libre.

Viva Galiza ceibe!

Independencia!

24 de xullo: manifestación nacional ás 20h desde a Alameda de Compostela

Convocan: Adiante – Agir – AMI – Briga – Comités – Galiza Nova – Isca! – Liga Estudantil Galega

>Descarrega o manifesto en pdf

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario