Isca!

Convocatórias

[1º de maio] O mañá será do pobo, será das traballadoras.

A falta duns meses para o centenario da Revolución de Outubro do 17, o socialismo presentase como a única alternativa a un sistema que nos limita e nos exprime.

Nuns tempos nos que está mal visto falar da vixencia da loita de clases, mentres a autoproclamada nova política utiliza o discurso das de arriba e das de abaixo, os termos dilúense e pérdese a perspectiva do momento que vivimos, marcado pola depauperización das condicións de vida e laborais. A situación é crítica, e as expectativas das mozas galegas cada día son menores. A formación tórnase inaccesíbel para moitas por mor da LOMCE e o Plan Boloña, que encamiñan a educación cara á privatización e a elitización.

Por outro lado, a incorporación ao traballo tampouco é doada. Os empresarios frotan as mans, xa que o primeiro contacto laboral da mocidade adoita ser a realización dunhas prácticas non remuneradas nas que agasallamos a nosa forza de traballo e ademais agradecemos a oportunidade, xa que para acceder a un traballo remunerado esíxese unha experiencia que non é doado acadar nas circunstancias de elevado desemprego e avellentamento das traballadoras. Unha vez dentro do mercado laboral sufrimos a precariedade máis extrema. Cada vez son máis os dereitos laborais que nos están roubando escudándose na crise do capitalismo. A desvalorización do prezo da man de obra e máis as horas extra non remuneradas permiten que as grandes empresas recuperen os seus beneficios a costa da nosa suor e do noso tempo.

Paralelamente, o Estado Español e a súa política de recortes privatizan dereitos básicos como a sanidade ou a educación, brindando inmunidade ao capital para modificar unha constitución que alegan inmutábel só cando se pretende a liberdade dos pobos ou a xustiza social. Ante o panorama actual, son moitas as mozas que deciden deixar o País e buscar oportunidades alén das nosas fronteiras, malia que nesta fase de capitalismo global non sexa doado albiscar maiores posibilidades noutros países da Europa.

Non podemos tampouco mirar cara outro lado e obviar a escalada de violencia que sofre a muller actualmente. Violencias directas, culturais e estruturais que se suman e complementan, e que fan que as expectativas para as mozas sempre sexan peores, económica, social e laboralmente.

Por todo isto, estamos convencidas de que é necesario un cambio de sistema. Nun mundo polarizado no que o capital se acumula nas mans das potencias do norte e o sur é continuamente espoliado, onde o colonialismo e as guerras imperialistas están de máxima actualidade, miramos con orgullo cara os exemplos de resistencia que confrontan no día a día as inxerencias do binomio capitalista EUA-UE. Aprendemos do seu exemplo tendo presente a solidariedade do internacionalismo proletario.

As reivindicacións das que actualmente nos facemos eco amosan a vixencia do espírito do Outubro do 17. Rachar co capitalismo é unha esixencia, e o socialismo o único camiño. Como dixo Allende, “ser novo e non ser revolucionario é unha contradición até biolóxica”. Por iso animamos ás mozas a dar un paso á fronte, a organizarse connosco e a traballar para conseguir unha realidade máis xusta; camiñando na dirección dunha Galiza independente e socialista.

O mañá será do pobo, será das traballadoras.

A humanidade avanza cara a conquista dun mundo mellor.

.

Participa das mobilizacións da CIG neste 1º de maio.

  • Vigo: no cruce da Dobrada ás 12:00 horas.
  • Cangas: na Praza do Concello ás 19:00 horas.
  • A Coruña: na Praza de Vigo ás 12:00 horas.
  • Cee: na Praza do Concello ás 12:30 horas.
  • Compostela: na Praza Roxa ás 12:30 horas.
  • Ribeira: na Praza do Peixe ás 12:00 horas.
  • Ferrol: na Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 12:00 horas.
  • Lugo: na Ronda da Muralla (edificio sindical) ás 12:00 horas.
  • Burela: en A. Pardiñas (local da CIG) ás 12:00 horas.
  • Ourense: no Pavillón dos Remedios ás 12:30 horas.
  • Pontevedra: na Praza da Ferrería ás 11:30 horas.
  • Vilagarcía: na Casa do Mar ás 12:00 horas.
  • A Estrada: na Praza do Mercado ás 12:00 horas.

Difunde!