Isca!

En destaque

[1º de maio] Non hai alternativas no capitalismo. Á rúa cara á Folga Xeral!

 

O goberno central leva varios anos entoando o “discurso da recuperación”. Dísenos que o desemprego descende, que as exportacións e o consumo aumentan, que atraemos inversión estranxeira e que a economía crece e seguirá a crecer nos anos vindeiros. O que se omite neste relato idílico é que os soldos seguen a ser miserables, que os contratos temporais son xa a norma e non a excepción, e que o desemprego segue a situarse en niveis escandalosos – 16% no conxunto do Estado, 14,7% en Galiza.

Todos estes problemas, comúns ao conxunto da clase obreira, agrávanse na mocidade. A temporalidade entre as traballadoras máis novas é do 57%, e o 55% das persoas con emprego de menos de 35 anos traballa a tempo parcial. Hai, ademais, unha brecha xeracional considerable no relativo aos salarios: as traballadoras de menos de 25 anos cobran a metade que as de máis de 55.

Por suposto, nada disto é casual, nin debe levar a sorpresa. Os axustes salariais, a prolongación das xornadas laborais, o aumento dos ritmos de traballo, son todos elementos indispensables para aumentar a explotación da clase obreira, única forma que coñece e coñeceu sempre o capitalismo para saír das súas crises. Cando o capital considera que os beneficios no son suficientes, que a explotación laboral non é todo o intensa que debería ser, deixa de inverter, paraliza a economía, e realiza despedimentos en masa coa finalidade de someter aos traballadores pola fame. O desemprego é, en palabras de Marx, o látego da burguesía, e é por tanto inseparable do propio sistema capitalista.

Nesta labor súa de disciplinamento da forza de traballo, o capital conta, ademais, coa axuda inestimable do –seu- Estado que, independentemente da suposta cor política dos ministros de turno, actúa sempre a favor dos explotadores. Boa mostra desto son as reformas laborais do PSOE e do PP, destinadas a abaratar o despedimento, facilitar a diminución dos salarios e derruír a capacidade de presionar e negociar das organizacións sindicais.

A clase obreira galega, e moi particularmente os seus sectores máis novos, activos e conscientes, debe facerse á idea de que a batalla que temos por diante é dura e complicada, que non existen solucións sinxelas e rápidas aos nosos problemas. Debemos empezar por organizarnos en cada barrio, en cada centro de traballo, apoiándonos no sindicalismo combativo e de clase representado pola CIG. É imprescindible que nos mobilicemos a favor de demandas elementais, contra os despedimentos, contra o incumprimento dos convenios, pola estabilidade do emprego pero tomando conciencia sempre de que os problemas que afectan a nosa clase só poden atopar unha solución definitiva mediante a supresión da propiedade privada burguesa e a construción do socialismo.

Non hai alternativas… no capitalismo!

Este 1º de maio contra o goberno, a UE e a patronal. Todas á rúa pola Folga Xeral!

Difunde!