12 de outubro, nada que celebrar!

Cada 12 de outubro festéxase en no Estado Español o inicio da súa colonización a sangue e lume do continente americano, conmemorando o que o españolismo fixou como a súa “Fiesta Nacional” e para a cal non existen recortes nin austeridade, cunhas celebracións oficiais inzadas de exibicións de militarismo e españolidade. Para os pobos da américa foi o comezo dun xenocidio, unha masacre sistemática da poboación indíxena e o espolio dos seus recursos, moitos deles aínda en mans de empresas españolas. Aniversario da longa escravitude de todo un continente, da permanente ameaza ou agresión directa do imperialismo, que hai anos comezou a espertar e cada día son máis os movementos de resistencia anti-imperialista que chaman a convertir esta mesma data nunha xornada de denuncia, o Día da Resistencia Indíxena, nomeadamente en Venezuela e Nicaragua.

A un mes do referendo onde os Cataláns queren decidir libremente o seu futuro, un proceso democrático expresamente prohibido polo aparello do Estado Español, demóstrase que a loita dos pobos pola súa liberación nacional, por construír un estado libre, independente e plenamente soberano é a maior preocupación e, á súa vez, o maior perigo para o proxecto imperialista español e para esa gobernante dereita ao servizo do capital. Esa loita dos pobos que tamén se da na América Latina e no Caribe onde, seguindo a senda que xa marcou Cuba, cada vez máis gobernos son quen de facerlle fronte ao imperialismo e aos intereses dos monopolios. Un caso é Bolivia onde ironicamente a primeira volta das eleccións presidenciais terá lugar mañá e onde agardamos que ese orgullo da resistencia indíxena permita a Evo Morales continuar na presidencia no camiño da construción dun estado anti-imperialista e no camiño ao socialismo.

12 de Outubro, nada que celebrar!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario