Isca!

En destaque

12 de outubro. Nada a celebrar!

 

O 12 de outubro é algo máis que a celebración da súa “Fiesta Nacional”, supón a consolidación do auxe do discurso españolista nos sectores populares, ao que asistimos dende finais do 2017.

O talante represivo, autoritario e centralista inherente ó estado permeabilizou en amplos sectores sociais, xerando un repunte de comportamentos abertamente fascistas. Os medios de comunicación fixeron o seu tradicional papel, encirrando á clase obreira contra o independentismo e a inmigración; algo que non é novo, mais que aumentou o calado do “sentimiento patriótico”.

O noutrora grande imperio, hoxe desmembrado e feble, segue a precisar do fascismo para manterse con vida, para non esmorecer. Ese é o prezo a pagar por ser unha cárcere de nacións. Non poderá existir nunca un estado español democrático, pois na súa propia existencia residiría unha contradición insalvable: a de subxugar ós países que contén.

O intento de eliminar por completo a soberanía do pobo catalán non deixa de ser análogo ó feito que conmemora o día 12, o comezo da invasión do continente americano e o conseguinte xenocidio. O seu propio día nacional fala por eles dun xeito moi elocuente, recollendo á perfección a esencia do estado: un ente que só pode existir a golpe de lume e ferro. Ou, nunha das súas forma máis modernas: a través da aplicación dun artigo infame da súa constitución. A posta en práctica do 155 foi só o primeiro dunha serie de comportamentos que normalizan un españolismo renovado, mais impudentemente fascista.

A bandeira española, que durante anos permaneceu relegada a un patrimonio exclusivo da extrema dereita ou de eventos deportivos esporádicos, anegou neste ano os espazos urbanos de todo o estado, cristalizando unha catalanofobia que nunca chegara a tales cotas.

Os lazos amarelos, símbolo da demanda social da liberación dos presos políticos, eran e son retirados cunha agresividade compulsiva e visceral; incluso nun lugar tan afastado de Catalunya como é o noso país. A represión contra os lazos amarelos vai alén do caso concreto, manifestando un rancor encallado contra as liberdades de expresión e o dereito a decidir dos pobos.

As imaxes do multitudinario acto de Vox en Vistalegre, as concentracións franquistas no Val dos Caídos, a proliferación e rexurdimento de plataformas supremacistas como Galicia Bilingüe, España Ciudadana ou Hablemos Español; ou a viraxe á extrema dereita da dirección do PP son só algúnhas mostras da impudicia coa que o fascismo abrolla de novo, carente xa de disimulo e que se desfixo definitivamente da fina capa de verniz de “democracia liberal” coa que levaba uns poucos anos cuberto.

A esquerda española, lonxe de combater esta realidade, ancorouse na súa equidistancia, achegou posturas coa monarquía e consentiu o abuso de poder totalitario e centralista do goberno. Incapaces de dar unha resposta a este refulgor fascista, reclúense na súa burbulla de reformismo moderado e medidas puramente estéticas, centrando boa parte dos seus esforzos en recuperar para eles o concepto de “Patria Española”.

Así é como, sen apoios na esquerda estatal, as organizacións independentistas se converteron na única forza de choque contra o españolismo. Mais a ferida que o soberanismo ocasionou no estado, aínda sendo contundente e precisa, non foi o suficientemente fonda.

Este panorama, lonxe de deixarnos sen folgos, debe esporearnos para combater con máis forza, para organizarnos e dar resposta á súa “Fiesta nacional”, facendo lembrar ó pobo que celebrar ese día é celebrar o aniversario do espolio e asasinato masivo do pobo indíxena. Manifestando que esa celebración só tenta manter a imaxe de unidade dun imperio inexistente, facendo apoloxía da represión cultural e relixiosa, do xenocidio e da violencia de estado.

O recrudecemento fascista inmediato ós sucesos de fai un ano en Catalunya é unha proba de que o camiño é o correcto.

A independencia é a única arma que pode esnaquizar o españolismo. Empreguémola!

Difunde!