1 de outubro. O pobo catalán vota SI!

Esta mañá vimos de coñecer o anuncio da data e a pregunta do referendo de autodeterminación en Catalunya. Así, concrétase finalmente o xeito no que o pobo catalán vai exercer o seu lexítimo dereito a decidir o seu porvir, nun exercicio de democracia e participación que serve de exemplo e guía para o resto de países oprimidos.

O día 1 de outubro, Catalunya terá a posibilidade de ser ceibe ao fin dun Estado español que non é máis que unha cárcere de pobos, que nos nega a nosa cultura, a nosa fala e o noso xeito de ser. Ante este exercicio de liberdade e democracia (lembremos, a realización dun referendo), o Estado español só pode responder con ameazas, violencia e represión, demostrando que este réxime nacido do fascismo no 1978 non pode manterse senón pola forza.

O 1 de outubro, o pobo catalán votará que SI, poñendo a primeira pedra para rematar con este proxecto caduco e rancio chamado España, e demostrando que todos aqueles que intentaron rematar con calquera realidade que se afastase do obrigado polo Estado foron, pois, uns imperialistas fracasados.

Por iso, dende Isca! queremos amosar toda a nosa solidariedade ás compañeiras catalás que están loitando por acadar a liberdade, e agardamos que a independencia sexa só o primeiro paso para unha revolución máis profunda, que supere o patriarcado e o capitalismo. Porque a independencia é o primeiro paso na construción da nova sociedade.

Porque a solidariedade é a tenrura dos pobos, independencia!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario